Vixiar que as novas canles de Televisión Dixital Terrestre (TDT) cumpran a obriga de emitir un 30% do tempo, cando menos, en galego. Este é un dos obxectivos da nova "plataforma de control de contidos para as emisións" que prevé crear a Xunta. Un novo ente controlaría así a programación das empresas que gañaron a polémica adxudicación das 45 locais e as dúas para todo o país. A TDT ten unha especial relevancia no país debido aos problemas de recepción da sinal analóxica. Galiza xa é, xunto con Andalucía, a comunidade con máis audiencia nas primeiras emisións en TDT.
A creación desta plataforma está recollida no Plano Galego da Sociedade da Información (PEGSI), a piques de ser aprobada polo Consello da Xunta. Ademais de vixiar a porcentaxe de uso do galego, o novo ente vixiaría, entre outros aspectos, que a programación das TDTs non viola os dereitos da infancia e que a produción propia supón, como mínimo, o 60% da programación.
Polémica adxudicación a "grandes grupos españois"
A concesión das emisoras locais resultou moi polémica xa que, por exemplo, o Colexio Profesional de Xornalistas (CPXG) acusou ao goberno bipartito de favorecer a "grandes grupos españois" en prexuízo de operadores galegos. As dúas novas cadeas autonómicas, adxudicadas a Cope e La Voz de Galicia, foron concedidas polo goberno do PP en funcións; o que tamén levantou as críticas do CPXG.
O certo é que a TDT é especialmente importante en Galiza, onde moitas zonas teñen problemas coa recepción analóxica. De feito, Galiza, cun 4,4% da audiencia, lidera con Andalucía a clasificación de comunidades que máis ven a TDT. Os datos de ImpulsaTDT indican que máis do 11% dos fogares galegos xa ten un receptor adaptado á TDT, co que se pode ver as emisións de canles estatais e da CRTVG.
Ata que punto é útil a TDT?
A Xunta aposta por aproveitar esta tecnoloxía como "elemento tractor" da sociedade da información no país. Para logralo, ademais da Plataforma, o PEGSI prevé axudas para fomentar a produción de contidos, coproducións e impulsar "ás empresas de menor dimensión".
Malia todo, a pouca capacidade interactiva da TDT limita, en realidade, os servizos dixitais aos que se poden acceder. É máis, a maioría dos equipos vendidos ata agora non son interactivos, polo que non se poderán empregar, por exemplo, para confirmar a declaración da Renda en liña.
Mercado atomizado
O supervivencia económica de 47 novas canles de TDT no mercado da comunicación do país é incerta. A principal dúbida é se haberá ingresos publicitarios de abondo para un mercado que xa está moi atomizado coa aparición de novas canles analóxicas, de satélite e por internet.
Ademais, todos os concellos teñen o dereito de lanzar a súa propia TDT local. A Xunta publicou o luns unha Resolución para que os municipios interesados se presenten, e así colaboren nos gastos do despregamento de infraestruturas. Sen embargo, o goberno galego prevé que moi poucos se lancen xa a esta aventura, ainda que hoxe hai unha decena de televisións analóxicas operadas polas corporacións locais.