Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CUALIFICAN DE "TERCEIROMUNDISTA" A ACTITUDE DO GOBERNO PORTUGUÉS

Os ecoloxistas lusos confían en tombar o proxecto de Pescanova en Mira

Desde o movemento ambiental portugués critican que non se escollesen zonas próximas que están fóra da Rede Natura e prognostican que de chegar o caso aos tribunais europeos, a UE castigará esta iniciativa para a que Pescanova contou coa beizón do executivo luso, e que mesmo se presentou sen avaliación de impacto ambiental. "Hai que desmitificar o proxecto", comenta ademais para Vieiros o fotógrafo Antonio Campos, responsábel local da asociación ecoloxista Quercus, lembrando que a miúdo plans empresariais parecidos foron anunciadas co aval dun número de postos de traballo moito maior do real. En apoio dos veciños lusos, desde o colectivo galego Adega critican a "política depredadora" da empresa.

- 15:49 10/01/2007
Tags:

Quercus é o colectivo portugués que primeiro ergueu a voz en contra da macrofactoría que Pescanova proxecta no contorno de Coimbra, e agarda xuntar voces en favor da súa loita para que esta iniciativa empresarial non vaia adiante. Desde o grupo láianse do secretismo co que o executivo luso levou a negociación e sorpréndense da decisión final tomada polas dúas partes, impoñendo a construción da piscifactoría na praia de Mira. Subliñan así o paradoxal da escolla "habendo outras alternativas próximas posíbeis" que non están dentro da zona protexida pola Rede Natura, segundo explica Antonio Campos.

Agardan así xuntar apoios para, nunha próxima xuntanza con representantes do goberno luso e da propia empresa, poder virar o proxecto. Ademais de loitar polo traslado, desde Quercus recomendan tamén a modificación da propia piscifactoría, criticando as dimensións "devastadoras" coas que se planeou e pedindo que se fragmente para minguar o seu impacto nas zonas polas que se opte como alternativa. Quercus salienta que a zona escollida, de economía tradicionalmente deprimida, trataba de buscar a súa estratexia de crecemento a través do desenvolvemento turístico, obxectivo que sufriría un pau importante, xa que a factoría de Pescanova quérese construír a pé de dúas zonas de acampada e nun área de praias. "O goberno luso demostrou unha actitude terceiromundista", afirma Campos, lembrando que non é a primeira vez en tempos recentes que o executivo luso relaxa os controis sobre iniciativas empresariais diversas, facilitando prácticas irregulares ou no gume do legal.

O proxecto non cumpre os requirimentos da Unión Europea
Os ecoloxistas portugueses avanzan que en último estremo, o proxecto acabará nos tribunais europeos, a onde foron xa con outras iniciativas polémicas promovidas noutras zonas do país. Ao respecto, non confían en que o executivo luso, logo de aproveitar atallos burocráticos declarando "de interese nacional" o plan acuícola para Mira, vaia cambiar de posición á hora de eleborar o informe ambiental aínda pendente.

No mesmo sentido, subliñan desde Adega que Pescanova bate en Portugal coas mesmas cancelas que non puido superar en Galiza. Segundo explica Daniel Vispo, secretario xeral de Adega, a protección estabelecida pola Rede Natura só pode pode evitarse en caso de saúde pública, seguridade cidadá ou interese social de primeira orde. Ademais, neste último caso, o requirimento inclúe a consulta previa coa Unión Europea, trámite que nin sequera se iniciou e que semella imposíbel de xustificar para unha iniciativa empresarial privada tan destrutiva co contorno ambiental. A única oportunidade para a piscifactoría sería que o proceso se alongase demais no tempo de xeito que no canto de forzar o derrube da fábrica e considerando "irreversíbel" a obra, a UE se limitase á imposición dunha elevada sanción económica.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: