Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
[GALIZA - ECUADOR]

A gran festa do fútbol rematou en empate: Galiza 1 - 1 Ecuador

Malia o curto do resultado, Galiza e Ecuador ofreceron un intenso encontro cheo de ocasións e bo fútbol. O central Calle adiantou os americanos cun maxistral lanzamento de falta mediada a segunda metade. Minutos despois Jonathan Pereira estabelecía o empate no marcador logo de culminar unha boa xogada persoal de Diego Castro pola banda dereita. Ante algo máis de 20.000 seareiros Galiza dominou o xogo durante boa parte do encontro pero as ocasións repartíronse por igual para ambos os equipos.

- 14:22 29/12/2006
Tags:

A selección galega debuxou sobre o terreo de xogo un clásico 4-2-3-1 durante os noventa minutos. López comezou na portería. Barragán, Rubén, Noguerol e Fuentes formaron a defensa. No mediocentro, Viqueira e Borja. O ataque estivo formado por Julio Álvarez na banda dereita, Nano na esquerda, Trashorras na media punta e Couñago como nove.

Pola súa parte os ecuatorianos presentaron unha forte aposta atacante cun 4-1-2-3 semellante ao do Barcelona de Rihkaard. Aragón estivo na porta. A defensa estivo formada por Montaño, Calle, Perlaza e Ambrosi. Ayori distribuíu o xogo deixando no ataque a Quiñonez e Quiroz polo centro. Completou o once un tridente ofensivo formado por Zura, Saritama e Noboa.

O primeiro tempo comezou cun claro dominio do cadro local. Trashorras e Viqueira foron os máis activos e levaron o peso do ataque galego polo centro. As bandas estiveron pouco activas nos primeiros minutos pero pouco a pouco foron tomando protagonismo, sobre todo Julio Álvarez que combinou á perfección con Barragán. As ocasións galegas comezaron a chegar pero foron os ecuatorianos os que lles deron os primeiros sustos á bancada de Riazor. Diego López tivo que empregarse a fondo en dúas claras ocasións para evitar o gol visitante. Aínda así, o triplete atacante ecuatoriana apenas logrou enlazar máis dun pase seguido, grazas en parte a boa actuación dos dous centrais galegos.

Pasaba a media hora cando unha mancadura no xeonllo obrigou a Pablo Couñago a deixarlle o seu posto no terreo de xogo ao 'Chino' Losada, que se mostrou moi activo e loitador durante todo o encontro. O partido chegou ao descanso con cero a cero no marcador pero coa sensación de que en calquera momento podían chegar os goles.

Na segunda metade Roberto ocupou o posto de Diego López na portería. Trashorras foi substituído por Jonathan Pereira, Julio Álvarez por Diego Castro e Nano por Iago. No cadro ecuatoriano Caicedo entrou por Quiñónez estabelecendo así un clásico 4-2-3-1.

O xogador do Villarreal Jonathan Pereira foi un dos máis activos no segundo tempo. Ocupou a mediapunta e trocou a súa posición con Diego Castro en numerosas ocasións. Malia que o dominio galego continuaba nos segundos corenta e cinco minutos foron os ecuatorianos os que inauguraron o marcador. O central Calle botou maxistralmente unha falta desde a frontal da area que se colou pola escuadra galega.

Contra o minuto 20 de segundo tempo a bancada animou con máis forza os galegos. O conxunto dirixido por Vázquez e Arsenio, lonxe de perder o control do xogo, fíxose outra vez co dominio do esférico e continuou a axexar cara á meta defendida por Aragón. Foi entón cando chegou o empate da man de Pereira, que aproveitou un rexeite do meta ecuatoriano logo dunha gran xogada persoal de Diego Castro pola banda dereita.

Fuentes e Jonathan Vila entraron no último tramo do encontro na procura do triunfo para Galiza. Porén, a defensa ecuatoriana, malia a ausencia de Hurtado, mostrouse moi seria nos últimos minutos ante as acometidas galegas. Deste xeito, coa nosa selección turrando no ataque chegouse até o minuto 90.

Logo do visto sobre o terreo de xogo o resultado parece ben curto. Os dous equipos fixeron méritos para levar a vitoria, se cadra, Galiza un pouquiño máis, pero xa se sabe como é isto do fútbol.

Retransmisión en directo
23:02: Roberto para lanzamento de Quiroz. Final do partido.

23:02: Cae unha bengala sobre o campo.

23:01: Cartón amarelo para Manuel.

23:00: Aragón chapa lanzamento de Diego.

22:59: Diego Castro falla lanzamento. Tres minutos de desconto.

22:58: Falta de Montaño sobre Borja.

22:55: Diego Castro sae por un golpe. Volve entrar.

22:53:Quiroz falla lanzamento a meta.

22:51:Borja saca falta. Losada falla remate a porta.

22:48: Iago falla lanzamento directo á portaría.

22:47: Troco: Sae Calle, entra Ayovi.

22:43: Falta contra Pereira.

22:40: Troco: Entra De Jesús, sae Noboa.

22:40: Pereira vólvese achegar á meta ecuatoriana. Fóra de xogo.

22:36: GOL DE JONATHAN PEREIRA. Empata a selección de Galiza.

22:32: GOL DE ECUADOR Marca Calle no saque da falta.

22:31: Cartón amarelo para Rubén.

22:30: Losada cae dentro da área. Non hai penalti.

22:29: Rubén González frea o ataque de Ecuador. Entra Borja.

22:27: Golpe entre Borja e Saritama. Os dous saen do campo.

22:26: Vaselina de Viqueira ás mans de Aragón.

22:25: Nova oportunidade de Galiza. Diego Castro ve rexeitado o seu lanzamento.

22:24: Fóra de xogo de Losada.

22:23: Saque de banda de Manuel Castiñeiras.

22:22: O xogo continúa polo centro do campo.

22:17: Aragón para lanzamento a meta de Losada.

22:16: Centro de Iago fallado por Losada.

22:15: Primeira acción de ataque de Ecuador. Quiroz falla lanzamento de falta.

22:14: Comeza a segunda metade.

21:56: Fin do primeiro tempo.

21:55: Aragón para centro de Barragán. Un minuto de desconto. Falta de Barragán sobre Noboa.

21:53: Diego López para centro de Saritama.

21:51: Fóra de xogo de Losada en acción de ataque galega.

21:50: Nova tentativa de gol de Trashorras. Fóra.

21:49: Cartón amarelo a Quiñónez por falta contra Barragán.

21:48: A barreira galega detén o saque de Quiroz.

21:47: Falta de Barragán preto da área galega.

21:46: Falta de Álvarez sobre Perlaza.

21:44: Cartón amarelo a Calle por unha entrada sobre Trashorras.

21:42: Falta de Nano sobre Montaño.

21:40: Nano falla lanzamento a portaría. O balón foi demasiado alto.

21:39: Viqueira saca falta. Losada forza córner.

21:37: Diego López detén un lanzamento de Ecuador.

21:35: Trashorras falla por moi pouco unha ocasión de gol. Vaselina sobre Aragón.

21:33: Falta de Fuentes sobre Noboa.

21:31: Nano falla lanzamento a portaría. Demasiado alto.

21:29: Pablo Couñago sofre unha lesión no xeonllo. Troco: Sae Couñago, entra Losada.

21:26: Remate de Pablo Couñago tras centro de Trashorras vai fóra. Primeira oportunidade de gol galega.

21:25: Trashorras falla lanzamento directo.

21:22: Aragón frustra nova ocasión de gol galega.

21:20: Falta de Quiroz sobre Trashorras. Saca Viqueira. Despexado pola defensa ecuatoriana.

21:18: Remate de Borja. Fóra.

21:16: Córner sacado por Quiroz. Parada de Diego López.

21:12: Rexeitado o lanzamento de Viqueira.

21:11: Falta contra Couñago no bordo da área ecuatoriana.

21:10: Comeza o encontro.

20:55: Os xogadores saltan ao terreo de xogo. Procedese a escoitar os himnos de Ecuador e Galiza.

20:20: Riazor abre as súas portas. Os seareiros máis madrugadores comezan a ocupar os seus postos nas bancadas.

19:30: Os xogadores galegos examinan o estado do céspede de Riazor e intercambian impresións sobre o estadio coruñés.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: