A Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura e Deporte anunciou que vai investir o vindeiro ano máis de 174.000 euros para restaurar os Pendellos de Agolada, declarados Conxunto Histórico en 1985 e Ben de Interese Cultural. A rehabilitación incluirá, así mesmo, a recuperación da Capela das Virtudes e mais a Casa das Neves. Con esta actuación preténdese devolverlle ao inmoble a súa forma orixinal e acondicionalo para o seu uso como espazo cultural.
Patrimonio encargou este ano un estudo sobre as posibilidades de utilización do conxunto histórico, pero houbo que agardar a que pasase a titularidade pública, coa súa adquisición por parte do Concello e mais da Deputación de Pontevedra. O pendello destinarase a espazo vivo de relación dos veciños, mentres que a Casa das Neves será un centro expositivo das Feiras e a Capela das Virtudes poderíase empregar tanto de auditorio como para usos relixiosos.