Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
[GALIZA - ECUADOR]

A selección chega aos videoxogos da man de Vieiros

A selección galega xa é unha realidade no mundo dos videoxogos. Porque o noso combinado ía ser menos que as grandes seleccións como Brasil, Francia, Italia, Arxentina ou Portugal? Pois iso foi o que pensamos en Vieiros/GZ-Deportiva á hora de desenvolver o primeiro "parche galego" para o mellor simulador de fútbol, o Pro Evolution Soccer. Desde hoxe, os afeccionados que teñan instalado este videoxogo no seu PC poderán galeguizalo e gozar así da paixón polo noso fútbol. O estadio de Riazor, as pancartas dos seareiros galegos, a camisola oficial, a convocatoria de Vázquez e Arsenio... todo vai incluído no parche. Como guinda a opción de xogar cunha selección galega clásica cos nosos mellores futbolistas da historia elixidos durante a última semana polos lectores de Vieiros. Tanto se pensas instalar o parche como se non, non deixes de visualizar os vídeos da primeira selección galega virtual.

- 08:18 20/12/2006
Tags:

O Pro Evolution Soccer da compañía xaponesa Konami é sen dúbida o mellor videoxogo de fútbol do mercado. O realismo e a facilidade de uso son as principais características deste título que xa desbancou en vendas o seu principal competidor, a saga FIFA dos canadenses EA. Porén, os afeccionados galegos ao ‘Pro’ non tiñan a opción de elixir a nosa selección entre os numerosos conxuntos que inclúe por defecto o xogo. Até agora.


Desde este martes pódese descargar a "galeguizacion" para a última versión do videoxogo. Quen queira gozar coas cores galegas nas súas partidas terá que ter instalado no seu PC o "Pro Evolution Soccer 6" e aplicar logo, seguindo unhas sinxelas instrucións, o noso parche.


A aplicación do parche permitiralle aos afeccionados xogar co noso equipo en torneos internacionais contra calquera selección do mundo. O videoxogador poderá elixir o seu once titular entre os 20 homes da convocatoria oficial de Arsenio e Vázquez así como a táctica, lanzadores ou capitán.


Os seareiros virtuais tampouco faltarán á cita co conxunto galego na pantalla do PC e así, pancartas e bandeiras propias de Galiza encherán as bancadas cando se seleccione o conxunto galego, sen esquecernos dos valados publicitarios.

Selección galega clásica
A "galeguización" do PES6 inclúe tamén a opción de elixir unha selección galega clásica. Na última semana os lectores de Vieiros decidiron cos seus votos cal sería o mellor combinado de xogadores galegos da historia. O resultado foi levado ao parche en forma de equipo ideal histórico do noso país.


Deste xeito, xogadores da categoría de Luís ‘Balón de ouro’ Suárez, Amancio, Marcelino ou Acuña vense reflectidos por primeira vez nun videoxogo compartindo cancha cos cracks actuais, todos coas súas características físicas e técnicas propias, que nada teñen que envexar ás dos ronaldinhos ou cannavaros.

Descarga a Versión 1.0 do parche

Espírito do parche
A creación deste parche é unha iniciativa de Vieiros co obxectivo de que os galegos e galegas poidan gozar do seu equipo no que é o mellor videoxogo de fútbol do mercado. A modificación das características por defecto do software faise sen ánimo de lucro e coa intención de ampliar as opcións do título. Para aplicalo terás que ter unha copia orixinal do Pro Evolution Soccer 6. A camisola da selección foi creada por Viento para Pesoccerworld.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: