Os militantes do BNG aprobaron que a XIII Asemblea Nacional sexa por delegados. Dos 2.009 afiliados que votaron neste punto, 1.167 (58%) respaldaron a proposta da dirección, 803(40%) votaron en contra e 39 abstivéronse. No Informe de Xestión a executiva actual conseguiu un mellor resultado: 1.330 votos(67,1%) a favor; 528(26,6%) en contra; e 124 abstencións (6,25%). Os catro números un de cada candidatura veñen de dirixirse ao plenario. As intervencións foron seguidas con grande expectacións, especialmente as de Beiras e Quintana, polos militantes. A estas horas, máis de 3.000 afiliados, unha cifra histórica, están comezando a achegarse ás mesas de votación. A expectación é máxima. Aínda que se agarda que a lista de Quintana sexa a máis votada, mantense a incerteza sobre o número de representantes que lograrán as outras tres candidaturas. Se estas chegan ao 30% dos sufraxios emitidos terían a posibilidade de entrar con forza na Executiva Nacional, máximo órgano rector do BNG.