Ver en directo e de balde os partidos do Celta que só emiten as canles de pago ou seguir os últimos capítulos das series americanas antes de que se estreen en Europa. Todo isto é posible grazas a televisión p2p, a última evolución do intercambio de arquivos. Millóns de internautas xa comparten vídeo en tempo real e ameazan con poñer patas arriba o multimillonario pastel dos dereitos de retransmisión.
Iso si, é probable que o afeccionado teña que seguir os partidos narrados en chinés, pois moitas das canles dispoñibles proceden do Extremo Oriente. Estas cadeas programan, de xeito legal, as principais citas deportivas que, en moitos casos, son emitidas en pago por visión en Galiza.
A sinal chega grazas a algúns internautas, que capturan nos seus ordenadores as emisións e despois emítenas a través de programas especiais. O vídeo en directo distribúese por internet a todo o mundo, dun xeito similar ás redes de intercambio de arquivos, como o popular e-Mule. É dicir, cantos máis usuarios estean sintonizados a unha canle p2p, con máis calidade se recibirá a imaxe.
Un dos programas máis populares é Sopcast, pero están aparecendo alternativas a diario debido ao boom de adeptos. Tamén apareceron portais, como Tvmix, que informan dos horarios e cadeas que emiten tódolos eventos, ben sexa partidos da NBA ou encontros de tenis en Australia.
Polo de agora, a tecnoloxía non permite unha recepción de gran calidade, especialmente se non se dispón dunha boa conexión de banda larga. Sen embargo, as esperas pola sinal acurtaranse a medida que aumentan os usuarios, pois ao mesmo tempo que se ven as canles estase subindo vídeo á rede.
Os empresarios contratacan
Loxicamente, os donos dos dereitos deportivos están moi preocupados polo popularización da televisión p2p. E que se esta tecnoloxía logra triunfar, o enorme negocio da venta de dereitos de retransmisión a diferentes estados estaría en perigo de morte. Por iso, a UEFA e outros lobbys empresariais xa contrataron a compañía Netresult para vixiar o tráfico desta rede. É cuestión de tempo que a polémica chegue ao mercado español.
Pero non só de fútbol vive a televisión p2p. Tamén hai unha gran oferta de cadeas que emiten os últimos capítulos das series de moda, cine ou noticias. Ademais, non tódas as empresas ven a nova tecnoloxía como unha ameaza, se non como unha forma de aumentar a súa audiencia. Por exemplo, a BBC escolleu a 5.000 usuarios para probar un sistema propio de intercambio de programas, experiencia pechada na actualidade. Mentres tanto,os internautas de todo o mundo seguen a ver as súas canles gratis grazas ao compartimento de vídeo en directo.