Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PROXECTO PRETENDE PROMOVER A NAVEGACIÓN CON FONTES RENOVÁBEIS

Un barco propulsado con enerxía solar cruzará por primeira vez o Atlantico

Un catamarán propulsado por enerxía solar cruzará o Océano Atlántico, nunha viaxe que o levará dende Sevilla até Nova York. Co barco, Sun 21, preténdese demostrar que non é imprescindíbel empregar ningún tipo de combustíbel para se impulsar a través do océano. Os motores eléctricos da embarcación están alimentados por un panel solar de 65 metros cadrados, o que lle permite manter unha velocidade constante duns 11 quilómetros por hora, semellante á dun veleiro. O catamarán ten 14 metros de eslora, capacidade para 20 persoas e forma parte do proxecto Transatlantic 21, promovido pola asociación ecoloxista WWF/Adena e a empresa suíza MW-Line. O seu obxectivo é promover o uso da enerxía solar no eido da navegación mundial.

- 16:24 23/11/2006
Tags:

O Sun 21 comeza hoxe a súa viaxe dende o río Guadalquivir e ten previsto facer escalas en Chipiona, Canarias, Cabo Verde, Martinica e Miami. En todos os lugares polos que pase vai promocionar o uso da enerxía solar ao tempo que se desenvolve a bordo unha investigación sobre bioloxía mariña. Un dos tripulantes, o científico suízo Martin Vosseler, percorrerá despois os Estados Unidos para concienciar os habitantes do país que máis enerxía consome do mundo da importancia de empregar fontes renovábeis.

Os promotores da iniciativa aseguran que os motores eléctricos non fan practicamente ruído e que o seu mantemento é sinxelo. O catamarán poderíase reutilizar como embarcación turística despois da súa fazaña, que aspira a figurar no libro Guinness.


5/5 (1 votos)