Quen dixo que o heavy morreu? As novas xeracións veñen pegando forte. Unha rapaza de seis anos de Mazaricos, Aida Rial Maneiro, acudirá a Barcelona ao concerto dos Iron Maiden o vindeiro día 30, grazas ao seu bo comportamento. A nena é admiradora de grupos como Mägo de Oz, A Banda de Poi e, por suposto, do grupo británico. O gusto polo heavy metal vénlle do seu curmán, que a acompañará ao concerto, xunto co seu pai e a súa nai, á que non lle ilusiona demasiado a actuación dos Maiden. A medida que se achega a data do concerto, Aida vaise amosando cada vez máis nerviosa e ilusionada, e é que o seu bo comportamento durante o verán ben lle valeu para asistir a un evento do que xa se esgotaron as entradas hai tempo. Malia o seu gusto polo rock máis duro, Aida tamén é unha cativa moi sensíbel que adora os animais e practica o baile tradicional, segundo informou hoxe a edición barbancesa de La Voz de Galicia.