Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
UNHA WEB PERMITE VER A DISTRIBUCIÓN POR CONCELLOS

Coñece de onde vén o teu apelido

Xa está na rede un proxecto do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago para coñecer a distribución xeográfica de máis de 25.000 apelidos. Esta ferramenta permite comprobar en que concellos son máis frecuentes cada un deles, e cal é o seu número e a súa proporción. Con estes datos é posíbel deducir a orixe dun apelido determinado, o que pode resultar de grande utilidade para os estudosos da onomástica.

- 13:29 21/11/2006
Tags:

O ILG destacou que se trata dunha ferramenta pioneira en España, aínda que dende hai pouco tamén se pode consultar un mapa de distribución de apelidos na web do Instituto Nacional de Estatística. De todos os xeitos, a utilidade da universidade galega é a primeira que os amosa repartidos por concello e se centra especificamente no país. Para elaborar este estudo, empregáronse os apelidos incluídos no censo de poboación do ano 2001, fornecido polo Instituto Galego de Estatística, e no que se inclúen os datos de 2.750.684 persoas que posúen, en total, case 50.000 formas diferentes.

Deste traballo concluíuse que os cinco apelidos máis frecuentes en Galiza son, por esta orde, Rodríguez, Fernández, González, López e García. Tamén se destaca que estes elementos existen como tales dende finais da Idade Media, e que apenas sufriron variacións dende aquela. O estudo estivo dirixido polos investigadores Ana Isabel Boullón Agrelo e Xulio Sousa Fernández, e contou coa colaboración da Real Academia Galega e o apoio técnico do Cesga.


0/5 (0 votos)