Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SOBRE O DESAFÍO DOS LABREGOS BRASILEIROS

Edvar Lavratti (Movemento dos Sem Terra): "Poderiamos escoller a Xesucristo de presidente pero tampouco ía resolver nada"

A redistribución das terras improdutivas é obxectivo do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra, MST, que loita de xeito organizado desde hai máis de vinte anos por unha reforma agraria no Brasil. Nun país de extraordinaria riqueza onde a maioría viven na pobreza, o colectivo dos sen terra conseguiu crear exemplos de que as cousas poden funcionar doutro xeito: "mellor". Con todo, a loita destes grupos para que as súas propostas fosen adoptadas pola clase política sufriu unha decepción importante co goberno Lula. Falamos con Edvar Lavratti, un dos líderes labregos do movemento no contorno de São Paulo, que nos conta das ataduras que son impedimento para as súas reivindicacións, non moi diferentes das doutros labregos do planeta: "Hai problemas distintos, pero cun inimigo común, que é a forma en como está organizado hoxe o capital".

- 08:45 19/11/2006
Tags:

De visita en Galiza convidado pola Coordinadora Galega de ONGs, Edvar Lavratti comeza cóntandos do desafío pendente de Brasil coa reforma agraria, obxectivo do que o país ao longo da súa historia estivo preto en dúas ocasións. A primeira a finais do século XIX, coincidindo coa liberación dos escravos, momento no que había un certo clima favorábel para o reparto da terra. A segunda foi no inicio da década dos 60, cando a mobilización das ligas camponesas, agrupacións labregas das que o MST se reivindica herdeiro ideolóxico, crea outra vez o momento favorábel á reforma agraria, freada coa chegada da ditadura. Desde aquela, prodúcense no país cambios profundos e millóns de persoas marchan do campo ás cidades. Na altura de 1984 o Movemento dos Sen Terra vaise estruturar como colectivo a nivel de todo o Brasil. "A organización dos labregos para ocupar as terras é un método en si para obrigarlle ao goberno a facer a reforma agraria. Temos textos lexislativos que xa falan disto, son moi bonitos, pero non se aplican. A loita no fondo, trata de conseguir que a Constitución se cumpra, e que as terras que non cumpren a súa función social poidan ser aproveitados polo pobo".

Vieiros: Que apoio social ten o Movemento na actualidade? Edvar Lavratti: Son cinco millóns de familias involucradas. É difícil precisar con detalle, nun movemento tan amplo e ao longo de todo o país, pero cavilamos que conseguimos que arredor de 400 mil familias puidesen voltar ao campo e traballar as terras.

E que significa isto para unha familia?
A posibilidade de poder vivir con dignidade, de cultivar a terra de seu, de criar os fillos. Casa, emprego, comida, acceso dos pequenos a alimentación a escola. Todo iso está garantido mesmo no peor dos asentamentos que poidamos peneirar. Son todas elas garantías básicas que non hai na maioría das cidades. O campo é cada vez máis unha alternativa de vida para os seres humanos.

Había moita expectación por saber o que pasaba coa chegada de Lula ao goberno. Inicialmente parece que foi unha decepción para os Sem Terra... Cambiaron as cousas desde aquela?
Non. Lula foi escollido no peor momento posíbel. Era un período de estrema debilidade para as loitas populares. Nesa época, o movemento sindical, social e cultural do Brasil viña de pasar oito anos baixo Cardoso, que tentou a todo custo destruír os movementos. O sindical por exemplo foi masacrado, e todos perderon forza e autonomía. Cárcere, asasinatos... foi complicado para os que quixeron manter en voz alta as reivindicacións. Se cadra o Movemento dos Sem Terra foi un dos que mellor resistiu.

E entón aparece Lula...
Lula chega así ao poder nun momento onde o pobo esixe mudanzas da política económica. Pero ese primeiro mandato do Partido dos Traballadores nace moi débil, porque no canto de mirar ao pobo na busca de alianzas, aparece xente que xa estaba aliada co poder de antes para prestarlle o seu apoio ao PT. É moi significativo que vexamos por exemplo como chega ao ministerio de agricultura un individuo que é defensor histórico das causas dos grandes produtores, de xente implicada en casos de violencia contra os labregos, de ataque á biodiversidade, promotores de verdadeiros desastres ecolóxicos e sociales. Puido parecer no discurso inicial que o goberno Lula ía representar un desafío fronte ao latifundio, mais non foi así, acabou sendo un aliado máis.

E que actitude mantén nese momento o MST?
Nos aproveitamos e mobilizámonos, subliñamos a esixencia de que o goberno se comprometese a asentar un millón de familias en catro anos. Propuxemos un Plan Nacional de Reforma Agraria, puxemos no papel unha proposta ambiciosa pero posíbel, para definir unha área e garantir infraestrutura, pequena industria, escolas, crear unhas referencias... Isto chegou á súa mesa e el simplemente dixo: "É imposible, non podo facer isto".

Intúo que non son vostedes optimistas...
Non, as cousas non van cambiar nin a curto nin a medio prazo. Neste segundo mandato a perspectiva se cadra é aínda peor, porque Lula perdeu moito espazo no Congreso e no Senado e comeza con fortes acusacións de corrupción. Está coa corda no pescozo, a maioría dos cadros principais do partido están afastados, e a dereita vai apretar forte nesa corda.

Parece un paradoxo, vista a orixe de Lula...
É. O pobo escolleu a Lula, a división foi máis clara que nunca desta volta. Onde foi maior o apoio? Aló onde están os máis pobres, que son a maioría, aló onde a necesidade de que as cousas cambien é maior.

E onde queda a loita concreta do MST no momento en que se ven vostedes diante dese escenario?
Hai que dar un paso decisivo. Até o de agora había moito de retórica, de dicir que a reforma agraria do Brasil sería froito da loita dos propios traballadores. Organizámonos, creamos un nivel de conciencia, pero chegamos ao punto de ver que ninguén vai facer o traballo por nós. A elite creou as condicións para chegarmos sempre a un goberno que non se preocupa polas necesidades fundamentais do pobo. Chegados a este punto, poderiamos escoller a Xesucristo de presidente que non vai resolver nada. O país está podre, deteriorado por dentro, na súa estrutura. Por iso, a nosa esperanza é organizar o maior número posíbel de persoas, traballadores do campo e da cidade, e arrincar pequenas conquistas que se vaian acumulando até que nun momento dado da historia se dean unhas condicións políticas que sirvan para introducirmos dunha vez por todas a nosa proposta. Pero sabemos que non hai salvadores.

E non ten o MST xa algúns modelos de referencia que ensinarlle ao mundo en xeral e aos gobernantes brasileiros en particular para dicirlles "mirade, este é o outro Brasil posíbel"?
Hai experiencias moi interesantes en todo o país. O Brasil é moi grande e diverso, e hai cousas moi distintas que podemos destacar. E agora mesmo, en todas e cada unha das rexións poderiamos escoller exemplos de cooperación, de agro ecolóxico, de desenvolvemento de proxectos educativos que funcionan realmente. O das escolas se cadra é un exemplo a destacar: nos nosos asentamentos todos os cativos están escolarizados: iso no Brasil é case unha milagre.

Podemos dicir entón que onde as comunidades do MST funcionan... O Brasil funciona mellor?
Por suposto, e hai incluso investigacións feitas por algunhas institucións universitarias que subliñan isto que dicimos. Comparouse o índice de desenvolvemento humano, mirando as diferenzas entre barrios proletarios das cidades cos nosos asentamentos. Hai unha fenda enorme, a favor dos asentamentos. Os asentamentos son o futuro.


Ligazóns

0/5 (0 votos)