Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Cartafol

Xestionado por Héitor Mera
RSS de Cartafol
Diego Ameixeiras: Tres segundos de memoria

O último premio Xerais

Tres segundos de memoria
Diego Ameixeiras
Xerais, Vigo, 2006, 206 páxs. 14,30 €

O último premio Xerais opta pola novela testemuño e así mesmo por darlle a alternativa a unha nova xeración de escritores. A novela galardoada conta en primeira persoa as vicisitudes dun mozo de trinta anos que nin sequera chega á categoría de mileurista e transcorre nun ambiente plenamente urbano, sen a máis mínima referencial ao rural.

- 12:12 17/11/2006
Tags:

Este protagonista é un representante da xeración que xa non coñeceu o franquismo, mais que padece nas propias carnes os efectos da globalización e do traballo precario. Por outra banda, con este premio ponse de actualidade unha nova xeración de escritores galegos, que andan polos trinta anos, e que petan con forza na porta da literatura galega.
A novela artículase nuns setenta fragmentos que son outros tantos momentos da vida do seu protagonista, un rapaz de arredor de trinta anos que, malia a súa boa formación, non atopa traballo –nin sequera, como dixemos enriba, chega á categoría de mileurista, pois só gaña un soldo de 300 euros nun traballo temporal- e vese obrigado a ir tirando como pode, sen conseguir unha vivenda de seu e para remate, ante a perda do traballo, ten que pasar pola frustración de volver para a casa dos pais, pois nin un aluguer módico é quen de pagar.
O protagonista, en primeira persoa, vainos ofrecendo a través deses setenta retallos significativos da súa vida o retrato de toda unha xeración, a dos rapaces nados no remate dos setenta ou nos primeiros oitenta do século pasado, que hoxe andan polos vinte e cinco ou trinta anos. Son a xeración dos que tiveron acceso máis doado a unha boa formación, mesmo á universidade. Gozaron de nenos e rapazolos nas casas familiares dunha incipiente sociedade consumista. Mais, supetamente, ao seren adultos, mesmo con carreiras prometedoras noutro tempo, acabaron no traballo precario ou no paro.
Os nenos dos oitenta, chamados a grandes destinos pola súa formación en liberdade e democracia, atópanse agora convertidos nuns eternos adolescentes que non son quen de se independizar da familia, por máis que o tenten. O traballo temporal non dá nin sequera para alugar un piso humilde, que se debe compartir con outros compañeiros. Nesta situación tamén sofren as relacións amorosas e de amizade. Vaise tirando como se pode e non como se quere, saltando dunha relación amorosa a outra, sen se comprometer moito e esquecendo penas con noites de esmorga en que non faltan o alcol ou ata algunha droga. Xa que logo, é unha novela testemuño sobre esta xeración que agora anda entre os vinte e cinco e os trinta e cinco anos.
Mais non só o protagonista é novo. O autor, como xa dixemos, pertence a unha nova xeración de escritores galegos, que andan arredor dos trinta anos e que se caracteriza porque xa non coñeceron o franquismo, xa se educaron na democracia e por sufriren, posiblemente, problemas sociais parecidos aos do protagonista da novela. Son unha xeración plenamente urbana (na novela non hai nin unha soa referencia ao rural e xa non aparece esa mestura de urbano-rural que constatamos en Rivas ou Suso de Toro). O mundo dos seus pesonaxes é o centro comercial, o supermercado, o bar de copas, o pub ou as salas de música e concertos.
Á aldea xa non se vai nin a fin de semana nin se citan avós ou parentes que aínda andan pola aldea, como ocorre nas novelas da xeración Rivas-Suso de Toro. A cultura destes personaxes dos novos novelistas é a da música, a do cine, moi afastada da cultura tradicional galega. Entre as preferencias artísticas do protagonista non aparece nin un só grupo musical, escritor ou película galegos.
Mesmo apreciamos un certo sentido de ruptura xeracional. Así o novelista que aparece na novela di que os actuais escritores de éxito teñen menos experiencia vital ca os precursores do Rexurdimento. Estes novos escritores e os seus personaxes, malia os tempos difíciles que lles toca vivir, optan polo vitalismo e por tirar para adiante sexa como sexa. Outra nota característica é o humorismo, que fai que se rían ata de si mesmos, como unha terapia para soportar as duras condicións que lles toca vivir. Hai unha desmitificación humorística que nos lembra a actitude dos dadaístas e tamén dos expresionistas, que viviron tempos de crise similares aos que atravesan os nosos escritores mozos.
Observamos así mesmo unha lingua xeracional. Estes novos autores, como Ameixeiras, empregan un galego que xa nada ten que ver, como vontade de estilo, co da xeración Nós nin mesmo co das xeracións anteriores, pois é un galego fundamentalmente urbano. Pode parecer demasiado achegado ao castelán, mais ese non é un problema dos nosos escritores, senón do propio galego actual, que ten serias dificultades para crear un rexistro coloquial urbano claramente diferenciado do castelán, dígase o que se diga.
Xa que logo, cremos que o premio Xerais optou polo novo e temos que estar moi atentos perante esta nova fornada de escritores que está a xurdir e que, aínda que se insiran na mellor tradición da novela urbana de Blanco Amor, Xohana Torres, o primeiro Casares, Reigosa, Rivas, Suso de Toro..., cremos que son xa outra cousa.

mércao en Andel


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: