Máis contidos en galego e crear un parque de empresas tecnolóxicas. Estas son dúas das iniciativas adiantadas pola Consellería de Industria como parte da primeira versión do Plano Estratéxico Galego para a Sociedade da Información (PEGSI). Todos os detalles deste ambicioso programa están dispoñíbeis nun novo portal electrónico.
Fernando Blanco, conselleiro de Industria e Innovación, indicou que a administración dedicará 800 millóns de euros para facer realidade o feixe de medidas esbozadas pola Xunta este martes.
Atraso nas TIC
Un investimento imprescindibel, tendo en conta os datos sobre penetración das Tecnoloxías da Información (TIC) en Galiza. A Comunidade está atrasada en 5,3 puntos no uso do ordenador e 6 puntos en acceso á rede sobre a media española.
O principal lastre é que, segundo as enquisas do PEGSI, os galegos non atopan interesantes moitos dos contidos que hai en internet. Por iso o PEGSI contempla o apoio a creación de información en galego que sexa atractiva para os cidadáns.
Blanco asegurou que existen outros factores estruturais que contribúen a explicar o atraso galego na sociedade da información. Entre eles sinalou o avellentamento e dispersión da poboación e o baixo nivel de ingresos.
Debate co sector
Polo de agora, a Xunta non anunciou prazos nin investimentos concretos. As medidas finais debateranse con representantes do sector e doutras administracións antes de fin de ano.
Foi Elena Veiguela, directora xeral da Sociedade da Información, quen concretou o cento de inciativas que está considerando a Xunta. Ademais de apoiar a xeración de contidos en galego, o Goberno pensa crear un parque empresarial para as compañías tecnolóxicas.
Veiguela tamén anunciou a publicación dun plan director e un mapa virtual de infraestruturas de telecomunicacións. A "posible" creación dun Instituto Cartográfico de Galiza, o apoio a especialización no ensino e o fomento da internacionalización das compañías galegas das TIC son outras das iniciativas aínda por concretar.
A directora xeral insistiu na urxencia de crear contidos en galego. Explicou que "a nosa lingua perderase se non somos quen de situar o noso idioma na rede". Cómpre lembrar que no recente Foro da Gobernabilidade de Internet sinalouse que o 90% dos idiomas do mundo non están presentes no ciberespazo.