Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
[TRIATLÓN]

Gómez Noia gaña en Cancún e proclámase campión da copa do mundo de triatlón

Finalmente as contas saíron e desde este domingo Xavier Gómez Noia é o gañador da BG Copa do Mundo de triatlón, título que o distingue como o mellor triatleta do planeta no 2006. O ferrolán, que xa gañara en Madrid e Hamburgo, dominou con autoridade a penúltima proba da copa que se celebrou este domingo en Cancún . Noia asina así o segundo maior éxito do triatlón nacional e estatal, logo do ouro de Raña no campionato do mundo do 2002.

  • Noia: "Lémbrome das persoas que me axudaron nos malos momentos"

- 11:54 06/11/2006
Tags:

O triatleta galego dominou a proba desde o primeiro minuto. No segmento de natación, (1.500 metros) no Golfo de México, Noia situouse nos postos de cabeza e xa non abandonou un grupo no que tamén estaba Iván Raña.

No segmento de ciclismo (40 quilómetros) formouse un grupo de 29 participantes que aumentou na transición a carreira a pé. Foi precisamente nese intre cando Noia atacou xunto con Raña. Os dous galegos imprimiron un ritmo fortísimo igual que fixeran na proba madrileña o pasado mes de xuño.

Só o ucraíno Volodymyr Polikarpenko, que tamén loitaba polo título, o francés Fleureton e o alemán Unger aguantaron o tirón dos galegos. Na segunda volta das catro de carreira, Unger descolgouse e chegou por detrás do checo Filip Ospaly que foi o único que aguantou desde ese momento o ritmo dun Noia decidido a loitar polo triunfo final.

Raña e Fleuteron non aguantaron o ritmo do ferrolán que, a falta dun quilómetro tamén deixaba atrás a Ospaly. Foi un último quilómetro glorioso para Noia que puido gozar do triunfo na proba e do título mundial sen apuros.

1. Xavier Gómez Noia (GZ) 1.47:32
2. Filip Ospaly (CZE) 1.47:42
3. Volodymyr Polikarpenko (UKR) 1.47:52
4. Jarrod Shoemaker (USA) 1.48:11
5. Cédric Fleureton (FRA) 1.48:12
6. Simon Whitfield (CAN) 1.48:22
7. Bruno Pais (POR) 1.48:23
8. Antonio da Silva (BRA) 1.48:25
9. Iván Raña (GZ) 1.48:29
10. Daniil Sapunov (KAZ) 1.48:33


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: