Nos últimos días recruou a polémica entre ecoloxistas e agricultores a conta dos sistemas de regadío que se están a implantar en diferentes zonas da nosa comarca. Estes últimos acusan aos primeiros de adiar coas súas denuncias os proxectos en curso e, de seguir así, non descartan mobilizarse.
O encargado de poñerlle voz ás queixas dos agricultores foi Lucio García Calvo, director do Instituto do Campo, quen afirmou que "cada vez que se interpón unha denuncia tarda seis meses en se resolver". Segundo explicou Lucio García cumpriron con tódolos requerimentos impostos pola Confederación Hidrográfica e laiouse de que "a Administración lle dea cancha a esta xente que non ten por que ter razón". Os agricultores queren abandonar o sistema actual baseado na captación de auga en cauces superficiais mediante o emprego de motores de gasóleo para pasar a aproveitar a auga subterránea e regar con enerxía eléctrica en 'horas val' o cal reduciría, segundo os seus cálculos, os custos á metade. Afirman que o beneficio ambiental sería "tremendo ao respectar os cauces ecolóxicos".
Pola súa banda dende a Sociedade Galega de Historia Natural o seu delegado en Ourense, Antonio Villarino, insiste en que o seu principal obxectivo é "defender un ben escaso como a auga, que non é só para os regantes". Segundo Villarino na primeira reunión celebrada en maio do 2005 para tratar sobre esta cuestión foron convidados os agricultores e non asistiron. Así mesmo solicitoulles que expliquen "como un acordo de regadío pode ser modificado por un pretendido estudo medioambiental que aínda está por facer". Para rematar pedíu que "antes de descualificar e elucubrar contrasten a información".
Dende a Confederación Hidrográfica do Norte desminten a demora de dous anos na tramitación xa que "as solicitudes foron presentadas o pasado 5 de xuño" e manifestan a súa vontade de que "se resolvan o antes posible cumprindo as normas".