Xa está aquí un dos eventos máis agardados do ano! Nesta vixésima edición vén máis forte ca nunca: Cineuropa encherá as pantallas de seis salas compostelás durante todo o mes de novembro co mellor cinema idependente e de autor: novas miraxes dende Oriente, clásicos para cinéfilos, terror, antasía e animación, unha sección dedicada á música, e moito máis. Este ano, ademais, prémiase o labor do compositor Stephen Warbeck e do cineasta curdo Bahman Ghobadi. Vaian collendo abonos!
Cineuropa consolídase coma un dos festivais de cinema máis importantes do país na súa XX edición, xunto co de Ourense. Dende o 87, coa excepción de 1995, a Concellaría de Cultura organiza este evento, cque fai xa vinte anos coa máis ampla e variada programación da súa historia. Do 2 ao 30 de novembro, Compostela será a capital do cinema independente: máis de cen filmes; entre eles cincuenta estreas, seis salas; catro premios; catorce seccións; e sobre todo: un mes enteiro para gozarmos do mellor cinema.
Hai varias novidades: nesta edición as proxeccións, ademais de no Teatro Principal, o Salón Teatro, a Sala Yago e a Fundación Caixa Galicia, desenvolveranse na Aula de Cultura de Caixa Galicia e no CGAC. Ademais, a música desempeña un importante papel: o festival foi inaugurado cun concerto a cargo da Real Filharmonía, dirixida polo británico Paul Daniel, no Auditorio de Galicia. A xente que se achegara alí o xoves 2 ás nove puido lembrar escenas de filmes como Amadeus, de Milos Forman, coa Sinfonía 25 de Mozart, Morte en Venecia, de Luchino Visconti, co Adaggetto de Mähler, e A laranxa mecánica, de Stanley Kubrick, coa Gazza ladra de Rossini. E ademais, foi homenaxeado o compositor Stephen Warbeck, interpretando pezas súas das bandas sonoras de Shakespeare in love e Billy Elliot. Ademais, foille entregadoun dos premios Cineuropa deste ano. O outro será para o cineasta kurdo Bahman Ghobadi (en Compostela xa se puido ver a impresionante As tartarugas tamén voan durante a Semana Kurda ). A gala será o sábado 4 ás nove no Teatro Principal, e ela proxectarase o último filme do director, merecedor da Cuncha de Ouro de Donosti: Half moon
O mellor do cinema actual
De feito, moitos dos filmes que participan foron recoñecidos nos festivais internacionais: así, gozaremos de Requiem, un anguriante filme de Hans Christian Schmid, premiado en Sitges; Optimistas, de Goran Paskaljevic, espiga de ouro no Festival de Cinema de Valladolid, baseado no Cándido de Voltaire; Indigènes, unha historia bélica de Rachid Bouchareb, da que a interpretación coral masculina foi premiada en Cannes;Quinceleira, de Richard Glatzer, premiada en Sundance, e Grbavica, sobre a antiga Xugoslavia, de Jasmila Žbanic', Oso de Ouro na Berlinale.
E ademais:
Continúan as seccións habituais: oficial europea, cinema fantástico (como o terrorífico filme coreano The Host, de Bong Joon-ho, que vén de arrasar nas billeteiras asiáticas), panorama internacional, documental, clásicos do cinema (veremos unha verisón restaurada de Maior Dundee, de Sam Peckinpah). Pero tamén, continuando co achegamento entre música e cinema, a sección Doc.Music reúne tanto documentais como cinema de ficción sobre o mundo da música: documentais sobre Leonard Cohen, o primeiro cantautor, Woody Guthrie, ou Luar na Lubre, n'Un bosque de música, e filmes de ficción que conecta música e realidades sociais en conflito, como The refugee All Stars. Tamén veremos, nunha sección específica, o máis novedoso do cinema arxentino, ou varios filmes de animación. Non falta unha especial dedicación ao cinema oriental, con Mundo Asia (que centra tamén o maratón de despedida), no que veremos o último de Park Chang-wook ou Zhang Yimou.
Tamén se renderá homenaxe a tres mestres do cine: ao portugués Joao César Monteiro, cunha retrospectiva da súa filmografía; Richard Fleischer, e os seus filmes sobre crimes; e Gillo Pontecorvo: poderemos ver o clásico que en tempos foi censurado A batalla de Alxeria. Non han faltar filmes tan agardados como o de Aki Kaurismäki, (Lights in the dusk); Raoul Ruiz, (Klimt); Claude Chabrol (Borracheira de Poder; Takeshi Kitano (Takeshis’ ou Kim ki-duk, (Time).