Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
MÁIS DUN CENTO DE ACTIVIDADES DE DIVULGACIÓN CIENTÍFICA

Semana da Ciencia 2006: "O mundo na túa cabeza"

A iniciativa foi promovida a nivel europeo co obxectivo de "facernos reflexionar sobre a evidencia de que vivimos rodeados de ciencia e da importancia que ten esta para acadar o progreso e o benestar social". En Galiza, a consellaría de Innovación e Industria programou e coordinou as actividades vencelladas a esta celebración da Semana da Ciencia, máis dun cento de propostas en todo o país entre o 6 e o 19 de novembro, que foron presentadas este xoves. O tema central deste ano vai ser a a Neurociencia.

- 15:49 02/11/2006
Tags:

Do 6 ao 19 de novembro celebrarase unha nova edición da Semana da Ciencia, unha celebración de ámbito europeo que pretende salientar a importancia da investigación científica para acadar o progreso e o benestar social. Nesta ocasión, as actividades da semana estenderanse ata o próximo 31 de decembro coa neurociencia como protagonista. Museos, universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos, asociacións e fundacións organizarán os 101 actos encadrados na Semana, unha iniciativa da Consellaría de Innovación e Industria que se desenvolverá por vilas e cidades de toda Galiza.

Exposicións, ciclos de cine, teatro, cafés científicos ou excursións son algunhas das actividades que desde o 6 ao 19 de novembro protagonizarán a quinta edición da Semana da Ciencia. Entre os obxectivos da iniciativa está o de "difundir a investigación que se está a realizar en Galiza, abrir ao público os espazos reservados á ciencia, facer da ciencia e da tecnoloxía unha materia atractiva para o cidadán de a pé, incentivar a participación dos cidadáns nas cuestións científicas e espertar vocacións científicas entre os máis novos".

Na procura destes obxectivos, a Dirección Xeral de I+D+I, co apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Educación e Ciencia, coordina e financia unha ampla programación de actividades que abranguerán campos como a astronomía, a arqueoloxía, a física, a química, a comunicación, a medicina, o dereito, ou as matemáticas.

O mundo na túa cabeza
O tema central desta edición é o cerebro e o sistema nervioso, que protagonizarán unha trintena de actividades no centenario da concesión do Premio Nobel ao neurocientífico español Santiago Ramón y Cajal. Deste xeito, a neurociencia percorrerá núcleos de poboación onde habitualmente non se xenera coñecemento científico.

Mabel Fraga, directora do Museo Luís Iglesias, subliñou a importancia de asumir un proxecto de tal magnitude que aspira achegar unha disciplina como a neurociencia ao conxunto da sociedade galega, especialmente aos máis novos para atraelos cara a carreira investigadora.

Científicos especialistas en neurociencia como Xurxo Mariño e Casto Rivadulla, do grupo de investigación Neurocom da Universidade da Coruña, expertos en didáctica da ciencia como Rafael Sixto e científicos con experiencia no eido da divulgación da ciencia como Mónica González, do CSIC, participaron no deseño das actividades de 'O mundo na túa cabeza'.


0/5 (0 votos)