Directora de Bravú.net, promotora da primeira editorial virtual galega, pioneira e animadora do blogomillo, ninguén mellor que María Yáñez, profunda coñecedora da internet galega, para coller o temón que tres anos antes recollera Anxo Quintela de Rocío Castro. Era xaneiro de 2006, e Vieiros entraba en datas clave: o noso décimo aniversario, unha década informando sobre o mundo, desde Galiza e en galego. No inicio deste camiño cara a outros dez anos de historia, María emprende novos retos profesionais e para guiar o novo Vieiros chega Ramón Vilar, xornalista que brincara ao noso espazo de Opinión hai poucos meses cun fermoso artigo, Un idioma na cetaria, que foi merecedor de galardón no concurso do concello de Carballo para artigos sobre a lingua. O xornalista Roberto Noguerol (Chantada, 1976), que traballa para Vieiros dende 2000, asume o cargo de xefe de redacción nesta nova andaina. Adeus María, agardamos seguir contando coa túa colaboración, e benvido Ramón, moita sorte á fronte de Vieiros.