Laiouse Óscar Pereiro nas semanas seguintes a rematar a carreira e logo de saltar á luz a dopaxe de Floyd Landis de que aínda que finalmente sexa o vencedor da carreira, as circunstancias roubáronlle a fermosa estampa e a sensación de correr a última tirada polas rúas de París e subir ao primeiro chanzo do podio como gañador. A publicación dos detalles do caso feita polo propio Landis na súa web revela agora que o roubo foi aínda maior: a primeira evidencia de dopaxe tívoa o laboratorio o venres 21 de xullo e a confirmación inicial do positivo definiuse 24 horas despois. Porén, a organización permitiulle tomar a saída ese último día, domingo 23, agardando a filtrar a noticia e impedindo que Pereiro vestise o amarelo na capital francesa.
En 1999 e só dous días antes de que rematase o Giro de Italia, o laboratorio encargado das analíticas das mostras de sangue e ouriños tomadas aos corredores, confirmaba inicialmente a presunta dopaxe do ciclista Marco Pantani, detectando unha taxa de hematocrito fóra do normal. O Pirata Pantani era nese momento o primeiro clasificado da carreira, amosando ampla superioridade sobre os seus rivais, e a súa descualificación deixaba ao segundo nese momento, Paolo Savoldelli, que estaba máis de cinco minutos atrás, como virtual líder, malia que finalmente o triunfo na carreira ese ano logo das últimas tiradas foi para Iván Gotti.
Nesa penúltima tirada, á que xa non lle autorizaron a saída a Pantani, gañaba o español Roberto Heras, despois de pasar a mítica montaña do Mortirolo. Anos despois, o propio Heras protagonizaba outro caso de dopaxe, coñecido despois de rematar a Vuelta a España 2005 na que acabara no primeiro posto. Un ano despois, a organización da Vuelta aproveitaba o inicio da edición 2006 para un pequeno acto de recoñecemento ao segundo o ano anterior e verdadeiro gañador, o ruso Denis Menchov.
Agardábase un xesto similar do Tour cara ao galego Óscar Pereiro, incluso para esta semana, na que se presenta formalmente o recorrido da edición 2007, que sairá de Londres. Pero ao fío da polémica, o diario El País publica que paradoxalmente a organización da carreira francesa estaría agora cavilando deixar deserto o palmarés do Tour 2006 e non concederlle oficialmente o triunfo a Óscar Pereiro. O xornal lembra que esta decisión vai contra o regulamento da Unión Ciclista Internacional e de costas á norma establecida noutros deportes, onde sa confirmación da dopaxe dun deportista supón a súa eliminación e o paso á súa posición do inmediatamente anterior na clasificación.