A actriz , escritora e contacontos Paula Carballeira, coa obra Boas noites, é a primeira gañadora do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, segundo resolveu onte o xurado do galardón creado este ano polo IGAEM da Consellaría de Cultura e Deporte. O Manuel María foi convocado xunto ao XV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, que recaeu na peza O caso Otero, de Claudia Grandal. O xurado, integrado polas profesoras Laura Tato e Dolores Vilavedra, a autora experta en literatura infantil Gloria Sánchez, e o gañador da anterior edición do premio Álvaro Cunqueiro, Rubén Ruibal, escolleron as premiadas de entre 25 obras.As galardoadas recibirán unha dotación económica de 4.000 €, no caso do Manuel María, e de 6.000 €, no do Álvaro Cunqueiro, e ambas as obras serán publicadas.
Os áxiles diálogos de Boas noites, a orixinalidade da temática (baseada no estrés infantil), un argumento contemporáneo abordado dende a tradición estilística, valéronlle a Paula Carballeira o primeiro premio Manuel María convocado polo IGAEM. O galardón, ademais dunha dotación de 4.000 €, supón a publicación da obra.
Paula Carballeira (Maniños, Fene, 1972) dedícase profesionalmente ao teatro e á narración oral dende o ano 1994 e é autora de varios títulos de literatura infantil e xuvenil: A percura (Edicións do Cumio, 1990), Robin e a boa xente (EDB-Rodeira, 1993), Troulas, andainas, solpores e unha farsa anónima (EDB-Rodeira, 1996), Olo-iepu-iepu (Galaxia, 1999), Un porco e unha vaca xa fan zoolóxico (Xerais, 1999), Mateo (Kalandraka, 1999), Paco (Kalandraka, 2000), Correo urxente (EDB-Rodeira, 2002), O ganso pardo (Edelvives, 2002), A era de Lázaro (Galaxia, 2004), Contatrás (Edicións Positivas, 2006) e Smara (Kalandraka, 2006).
Ademais, é membro da compañía Berrobambán dende 1996, coa que coordinou a programación infantil Asteroide B-612 en Santiago e en Ferrol, e traballou como actriz e contadora de contos en diferentes series e espazos da TVG ("Apaga a luz", "A noite en branco", "Pequeno Hotel", "O rei da comedia", "Rías Baixas", "Máxima audiencia", "Contando estrelas" e, na actualidade, "Libro de familia" e "Pepe O Inglés") e como
colaboradora nos programas da Radio Galega "Xamón, xamón" e "A taberna da Galega."
Ademais, Paula Carballeira, vén de rematar a súa xira co espectáculo do CDG A cabana de Babaiagá, do que foi directora e intérprete
A protagonista de Boas noites, Xiana non ten tempo nin para pensar, moito menos para xogar ou para soñar. E se non dá pechado os ollos pola noite, Pedro Chosco non pode facer o seu traballo, que é acabar cos medos...
Tres actores en busca da bella Otero
No caso do XV Premio Álvaro Cunqueiro, resolto tamén por maioría, a gañadora é Claudia Grandal coa obra O caso Otero, presentada baixo o lema AGLAV. Inspirada na vida de Carolina Otero, "La Bella Otero", a peza propón unha volta "imposible" da protagonista ás súas orixes, regreso tinxido de ansias de vinganza. O xurado salienta deste texto a súa axilidade e economía teatral, xa que propón un xogo con tres actores para numerosos personaxes, ademais da boa resolución dramática dunha historia complexa e con apuntamentos metateatrais. A obra resultou elixida de entre un total de 24 títulos candidatos.