Spam, que así se coñece a obra gañadora do premio Blanco Amor de Novela Longa 2006, critica a organización empresarial actual e a súa relación cos traballadores. O libro de Francisco Castro Veloso pretende retratar un director de empresa que ten como "único pracer é estragar a vida dos servos da empresa e a súa única relación co mundo sucede a través da rede, cunha webcam e o correo electrónico", afirma o autor. A dita novela está editada por Galaxia e recibirá o premio este venres na Casa das Palmeiras de Neda ás oito do serán.
Segundo o xurado do premio, que este ano organizou o Concello de Neda, resaltou de Spam o feito de ser "un libro innovador, que rompe moldes e incorpora aspectos orixinais nunha narrativa, a nosa, cambiante e florecente". Tamén indicaron que se trata dunha novela "funcional e insólita, épica e distanciada con altas doses de humor e un ton irreverente e irónico". Ao certame presentáronse 26 obras, das que 6 quedaron finalistas. O xurado estivo composto por Laura Caveiro, Medos Romero, Ramón Nicolás, Armando Requeixo e Vicente Araguas.
Pola súa banda, o autor, asegura que Spam -nome que recibe o correo lixo- é un libro que dispara os seus dardos máis mortíferos contra a vida empresarial e, máis concretamente, contra os departamentos de recursos humanos, que el considera "unha nova forma de escravitude", xa que desenvolven "técnicas habilmente deseñadas para explotar mellor ao ser humano". Ademais, Francisco Castro xustifica o emprego da ironía na súa obra porque este recurso lle parece idóneo para facer "moita crítica" na literatura, afirma.
O Premio Blanco Amor de Novela Longa en lingua galega é convocado por 52 municipios das catro provincias de Galicia e cada ano un dos concellos encárgase de organizalo. A eNtrega do galardón desta edición do 2006 celebrarase na Casa das Palmeiras de Neda e a ella asisitrán, ademais do autor, o alcalde da vila coruñesa, Xosé-Carlos Pita López, e o director xeral de Editorial Galaxia, Vítor F. Freixanes.
Para sabermos máis sobre o autor, dicir que Francisco Castro é autor do libro de relatos eróticos Xeografías, de A canción do náufrago, ambos de 2001, e do relato histórico Memorial do infortunio. En 2004 publicou Xeración perdida, novela coa que adentra ao lector no mundo das drogas. Ademais, traballa desde hai anos como cronista cultural en varios medios galegos.