Habemus ghit. Despois de tres meses de concurso en Vieiros e na Radio Galega para crear e elixir a canción do verán galega xa hai un gañador, que este sábado deu a coñecer no programa Extrarradio o xurado composto por Nonito Pereira, Xil Ríos, Mónica Ares e Pía de Tolomei. Así pois, o comité de sabios decidiu elixir como gañadora a canción In the Ocean, un tema con retrouso en inglés pero letra en galego composto e interpretado polo músico coruñés Pulpiño Viascón, que ademais tocou todos os instrumentos. O vencedor leva como premio a gravación dun videoclip que producirá e emitirá a Televisión de Galicia.
Cada membro do xurado votou cinco cancións de entre as 38 presentadas, outorgándolles unha puntuación de 1 a 5 puntos. A de Pulpiño Viascón foi a que levou máis votos, seguida de Kalindra Xida (da Banda Potemkin), A ruta do colesterol (A banda da señorita e Tomasa), Sandra Dee (The Homens) e A das festas (Guezos).
Na semana pasada xa se anunciaran os resultados da votación popular en internet, que gañaron os Guezos con A das festas e que aínda se pode consultar na web de A polo ghit. Do mesmo xeito aínda se poden descargar todas as cancións presentadas a concurso. Dende Vieiros, parabéns aos vencedores e a todos os que se presentaron. Galiza xa conta con moito máis que unha canción do verán.