Do máis dun milleiros de empresas que ofrecen rexistro de dominios a nivel estatal, menos do 1% son rexistradoras acreditadas pola ICANN, e unha destas será desde agora Dinahosting. A empresa galega recibe así un importante aval á súa fiabilidade, superando os estritos requerimentos esixidos polo organismo internacional.
Con sede en Santiago de Compostela, Dinahosting rexistrará directamente os principais dominios perante as entidades designadas polo organismo que centraliza o seu funcionamento global, e xestionará directamente dominios .com, .info, .net e .org, aspecto que complementa a súa función como axente rexistrador de Esnic, a entidade de xestión de dominios .es, ademais da súa integración en RIPE NCC (Réseaux IP Européens), organismo coordenador de enderezos de rede en Europa. Isto permítelle axilizar os procesos de alta e mantemento e supón dispor de todo o control sobre a súa administración, sen intermediarios.
O aval da ICANN recoñece a existencia dunha infraestrutura técnica que garante a estabilidade do sistema de nomes de dominio, con garantías legais, administrativas e financeiras, así como cunha importante lista de requisitos técnicos que Dinahosting amosou cumprir. Lembrámoslles que a ICANN é unha entidade sen ánimo de lucro dependente do Departamento de Comercio dos EUA, que asume a responsabilidade de asignar a nível mundial os enderezos IP, os números de portos TCP vencellados aos protocolos de rede, a xestión dos nomes de dominio e a dos servidores DNS raíz, o motor do que hoxe coñecemos como Internet.