Curtametraxes que non excedan os 30 segundos de duración para que poidan ser emitidas en calquera soporte. Así define o festival Curtocircuíto as micromovies, categoría creada por primeira vez nesta edició e da que xa sabemos as finalistas: 5 galegas, 3 estatais, unha italiana e outra tailandesa. As curtas galegas seleccionadas foron Contratempo, do coruñés Andrés Victorero, Diario de cicatrices, dirixida por Olaia Sendón, Surcos do Tempo de Quique Otero, A ruta, do compostelán Xavi Rey, e Tiro de graza, de Pontevedra, presentada por Xosel Díaz.
As outras cinco finalistas son Caminiño, da provincia italiana de Rovereto, dirixida por Osvaldo Cibils; O camiño de carne, do alacantino Txema García; Hoxe pode ser un gran día, da barcelonesa Laura González; Unotxo, tamén de Barcelona, dirixida por Diego Espinosa, e Way, tailandesa, presentada por Chin Tangsakulsathaporn.
O vindeiro 21 de outubro, día da gala de clausura do festival, coñeceremos a micromovie gañadora que será escollida de entre as dez seleccionadas polo xurado desta sección oficial denominada Anacos. Trátase dunha das novidades incorporadas á programación do curtocircuíto este ano, segundo a organización "un formato en auxe que continúa sendo fiel á filosofía da curtametraxe, porque se trata de rodar breves historias de ficción susceptibles de se emitiren nunha chea de soportes, situándonos na vangarda da creación audiovisual". O obxectivo final é "reducir os contidos e a súa narración audiovisual –de habela- á súa mesma esencia".