Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DA DIMISIÓN DE OITO MEMBROS DO SEU GOBERNO

Blair anuncia que de aquí a un ano deixará o cargo

O primeiro ministro británico, Tony Blair, confirmou no mediodía do xoves que en un máximo de doce meses deixará o seu cargo, aínda que non especificou unha data concreta. A decisión anunciouse só dos días despois do polémico debate que se produciu no seno do Partido Laborista que provocou a saída de oito membros do seu goberno ante a negativa de Blair de dar a coñecer un plan de transición. O primeiro ministro asegurou que será el quen decida as datas precisas e que o fará "dun xeito apropiado".

- 17:23 07/09/2006
Tags:

Tony Blair anunciou a súa marcha do poder só 48 horas despois de que oito membros do seu goberno decidisen abandonar os seus postos. O líder do partido laborista recibiu presións nas últimas semanas dentro da súa propia organización política logo de que se fixeran públicas as últimas enquisas de opinión que sitúan os conservadores por diante dos de Blair.

A negativa de Blair a dar a coñecer como planea preparar a súa sucesión provocou un grave enfrontamento o martes pasado entre os laboristas que forzou a saída dos oito membros do seu goberno. Agora, os diferentes medios británicos especulan coa data na que se fará o relevo e todas as apostas sinalan que se fará no mes de maio, xusto cando se cumpran dous anos da súa terceira lexislatura.

Pola súa parte, o ministro de Economía Gordon Brown, previsibelmente o sucesor natural de Blair, rompeu o silencio que mantiña nos últimos días e afirmou que a saída do poder correspóndelle ao propio primeiro ministro asegurando que apoiará a decisión que tome o líder do Partido Laborista.


0/5 (0 votos)