O alcalde popular de Madrid, Alberto Ruiz-Gallardón, asegurou que "non haberá ningunha actuación no Teatro Español, propiedade do concello, de Pepe Rubianes". O actor galego tiña previsto representar o próximo día 19 a obra ‘Lorca somos todos’. A decisión responde supostamente ás críticas recibidas pola concellería das Artes en relación as declaracións do actor na televisión catalá nas que desprezaba a unidade de España.
"Que colla esa España, que a metan polo cu, que lles explote dentro e que queden os seus ovos colgando nos campanarios". Así respondía Pepe Rubianes o pasado 20 de xaneiro nun programa da televisión catalá cando lle preguntaban pola unidade de España. Aquelas palabras provocaron unha gran polémica que incluso levou o actor ante os tribunais por unha demanda presentada pola Fundación para a Defensa da Unidade Española. O actor non tardou en matizar as súas declaracións asegurando que se refería a España escura da Guerra Civil.
Hoxe, aínda que non explicou os motivos, Gallardón asegurou que a obra de Rubianes ‘Lorca somos todos’ non se representará no Teatro Español, propiedade do concello. Iso si, as explicacións terá que dalas a concelleira das Artes, Alicia Moreno. A súa concellería recibiu nos últimos días numerosas queixas e incluso unha denuncia por parte do Sindicato Colectivo de Funcionarios Públicos Mans Limpas que consideraba un "descaro" contratar a obra de Rubianes.
Coa chegada outra vez da polémica, Rubianes enviou unha carta ao Teatro Español na que aseguraba que "a España democrática, constitucional e de progreso a que eu pertenzo, meréceme todo o respecto e orgullo".