O Partido Popular de Porto do Son presentou unha moción no concello sonense rexeitando a instalación da piscifactoría da empresa Stolt Sea Farm en Baroña. Súmase deste xeito á entrega das catrocentas setenta e cinco sinaturas veciñais que se opuñan a este proxecto rebotado desde Corrubedo e que a instancias do presidente Pérez Touriño e do alcalde Quintáns se pretendía instalar nas imediacións do castro de Baroña, sen que se contase coa aceptación das xentes do lugar. Progresivamente a desinformación e os ruxe-ruxe das posíbeis expropiacións, foron acrescentando o malestar veciñal que derivou finalmente na entrega por escrito das protestas.
Pola súa parte a empresa sinala que son estes movimentos minoritarios e quere facer valer o apoio da Xunta e do Concello sonense, por riba dos propietarios dos terreos, aos que tamén se ameaza con expropiacións forzosas por parte da administración autonómica.
A moción do PP implicará o seu debate no vindeiro pleno ordinario e atinxe tamén á elaboración actual do PXOM, pois demanda que se catalogue como solo rústico e agrario. O que tamén é paradóxico é que mentres no Son defende esta postura o PP ven de acusar á Xunta de Galiza da parálise dos proxectos acuícolas galegos, e de ameazar o liderato do noso país neste campo. Unha dupla linguaxe, pois.