Entramos no treito final do desafío musical que Vieiros e a Radio Galega propuxeron o pasado mes de xuño: A creación dun gran ghit galego para este verán de 2006. Ao convite, músicos do país responderon xa con 35 achegas de variada temática e ritmo, e deica o próximo venres 1 de setembro está aberto o prazo de recepción a novos temas candidatos a ser nomeados polo xurado como a mellor canción deste verán e gravaren un videoclip para a TVG. Afrouxan as temperaturas do verán pero mantense a calor musical, e entre as últimas achegas recibidas, en tempos de éxitos ciclistas, aparecen 'Óscar Primeiro', da Morotxo's Galactic Crew; 'Jran Sol', de Masando Pulpos; a 'Marcha dos cheíñas', de Vaamonde, Lamas e Romero, ou o 'Romance no camiño de Santiago', de Manoele. A polo Ghit!