Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENTREVISTA A UN DOS ORGANIZADORES DO SALÓN DO CÓMIC DA CORUÑA

Carlos Portela: "A banda deseñada galega vive unha época dourada"

Superheroes de conto e heroes de guerra segundo a visión de ambos os dous bandos da contenda española, recoñecidos artistas internacionais da actualidade e do país e16 espazos artísticos repartidos pola cidade da Coruña. Viñetas do Atlántico ou o Salón Internacional do Cómic ofrece unha proposta "equilibrada e que foxe do convencional", segundo afirma un dos seus organizadores, Carlos Portela, para achegar as producións de cadriños "sobre todo a quen non ten contacto con eles habitualmente".

- 11:44 14/08/2006
Tags:

Vieiros: Cales son as espectativas desta edición do salón do cómic?
Carlos Portela: Consolidar a traxectoria dos últimos anos desde o aspecto internacional do festival e en canto aos invitados, ademais de facer que a xente se achegue e sobre todo os que non están afeitos. Estamos satisfeitos co cartel que presentamos porque concorda co que pensabamos nun primeiro momento. Queriamos fuxir do convencional pero sen deixalo de lado e misturándoo cos traballos de autor, coa temática social e a presencia feminina sen descoidarmos a banda deseñada galega. Creo que a proposta é equilibrada e agardamos que agrade á xente.

Por que decidistes que o Ano da Memoria tamén tivese presencia no certame como documento da época?
Xa se teñen feito exposicions de carácter histórico, pero esta é máis forte, diría que é unha aposta obrigada. Se tiveramos organizado unha exposición sobre o cómic na Guerra civil no primeiro ano se cadra colliamos a xente máis a contrapé, pero agora xa nolo piden o feito de saber o que se fixo en banda deseñada. A xente quere ver tamén o cómico como argumento político que tamén é.

Debuxantes norteamericanos, galegos e novos espazos de exposición. A apertura do certame parece consolidarse
Apostamos pola banda deseñada galega. No caso internacional non se achegan até nós pero si hai coñecemento do salón por parte dos autores e iso abriumos moitas portas como no caso do creador das Aventuras de Batman Bruce Timm, que nunca antes se achegara a Europa e o fixo movido polo nome do salón. A traxectoria do certame tamén moveu a outros autores máis reacios e iso, o feito de que o nome do salón sexa a súa mellor carta de presentación, déixanos satisfeitos.

A cidade inzada de viñetas e historias de banda deseñada. A que se debeu esa dispersión da mostra?
Viñetas do Atlántico vai medrando e o Quiosco Alfonso foise interesando por el, houbo quen se achegou ao Concello e o salón gañou outros espazos como é o da Casa dos Peixes, que solicitou participar. Dicir que esa é a filosofía inicial, que a cidade se empape de cómic porque todas as exposición son de balde. Neste ano demos xuntado 16 mostras por toda a cidade, das que recomendo todas. O que si é que non se pode ver todo nun día. Hai que ir paseniño para desfrutar de todo o que se amosa. Certo é que os autores só van estar na cidade durante a primeira semana pero logo aínda queda outra para contemplar as coleccións.

Cres que este certame axudou a afianzar a creación da banda deseñada en Galiza?
Creo que si que o salón axudou a fomentar a creación de banda deseñada en Galiza. Aínda que existen citas coma a de Ourense ou a de Cangas, a xente prepara traballos para presentar neste certame e editores estatais achéganse para ver que é o que se está a facer.

Logo de certames coma o que organizades e debido ao incremento de autores de banda deseñada, cres que a poboación galega se interesa máis agora polo cómic?
A poboación vai collendo interese polo cómic. Se volvemos aos anos 80, cando comecei a debuxar, e imos vindo cara diante, nunca houbo outro momento de creatividade tal como hai agora. Nin no eido dos autores, nin no das publicacións. O salón funciona como efecto chamada e podo asegurar que neste momento Galiza vive unha época dourada.


5/5 (1 votos)