Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PLAN DE SEGURIDADE VIARIA

Nin cesión de competencias nin mellora de vías: media ducia de radares

De xeito inmediato, a novidade máis significativa do plan presentado este xoves polo ministro de Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, e polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, baséase no despregue doutros cinco radares móbiles que controlarán a velocidade, desta volta especialmente nas estradas secundarias, un en cada provincia e un máis de reforzo para todo o país. O ministro evitou pronunciarse sobre o posíbel traspaso de competencias en materia de Tráfico, cuestión na que vén insistindo o BNG. Por outro lado, o PpdeG aproveitou para insistir en que acelerar a execución das vías de alta capacidade pendentes sería "o mellor plan". Tampouco houbo novidades sobre as necesidades de atender os défices de conservación das vías.

- 06:18 04/08/2006
Tags:

"Imos gañar esta batalla tamén en Galiza e estou seguro de que así será e non pararemos até conseguilo". Así falaba o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, durante a súa intervención na presentación á beira do ministro de Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, do chamado Plan Especial de Seguridade Viaria, a poñer en marcha en Galiza "coa intención de reducir a sinistralidade viaria nas estradas galegas". Desde o executivo aseguran que se elaborou "seguindo as directrices da Unión Europea", e liderado pola consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico.

De xeito concreto o plan ponse o obxectivo de reducir o número de falecidos por accidente de tráfico ata nun 25% no período 2006-2010. Con todo, o detalle do presentado este xoves, e malia recoñeceren estar diante dunha problemática "complexa" onde inflúen "unha multiplicidade de factores", baséase no despregue de máis radares móbiles, na instalación de máis radares fixos e a distribución de máis etilómetros entre as patrullas da Garda Civil que, iso si, incrementarán a súa vixilancia sobre as estradas secundarias, "que son nas que máis accidentes se producen".

De xeito expecífico, Interior fará unha campaña especial de control de velocidade entre o 7 e o 20 de agosto. O Plan inclúe a instalación de oito radares e 18 cabinas onde se irán rotando eses radares, e que completarán aos 12 que xa existen na actualidade. E alén de cinco novos radares móbiles destinados ao control de velocidade nas vías secundarias, vai prepararse un novo vehículo tamén con radar móbil para o uso a nivel municipal tamén en campañas de alcoholemia. Á beira, distribuiránse dous milleiros de etilómetros ás patrullas da Garda Civil para o control dos niveis de alcohol de condutores en estradas secundarias que habitualmente non son cubertas.

Queixas de nacionalistas e populares
Evitou durante a súa visita o ministro de Interior pronunciarse sobre a petición que ten na mesa para o traspaso a Galiza de competencias en materia de tráfico e seguridade viaria, necesidade na que se veu insistindo desde a Vicepresidencia da Xunta nos últimos meses.

Ao fío, insistía esta mesma semana o deputado do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, lembrándolle a Interior que ese sería un chanzo clave para avanzar na resolución do problema galego, do que se demostrou que necesita de medidas específicas diferentes ás do resto do Estado, e recordando que Euscadi e Cataluña xa teñen transferidas esas competencias. Ao respecto, solictoulle ao goberno que o propio ministro de Interior responda no Congreso á situación en Galiza da sinistralidade.

Mentres, o presidente do PpdeG, Alberte Núñez Feijoo, afirmaba que "un plan de seguridade viaria non son cinco radares", criticaba a ausencia da ministra de Fomento na presentación deste plan e aseguraba que "o mellor plan de seguridade viaria que ten pendente Galiza son os 715.3 quilómetros de vías de alta capacidade do Plan Galiza". "Solicito que se poñan en marcha as obras de autovías comprometidas tanto pola Xunta como polo Estado con Galiza, xa que a parálise que existe actualmente nas autovías entre Pontevedra e Vigo, Santiago-Lugo, Ourense-Lugo e Cantábrico non axudan a mellorar a seguridade nas estradas galegas", insistía, engadindo á lista as obras entre Cabreiros e Vilalba ou a vía de alta capacidade entre Tui e A Guarda.


Ligazóns

0/5 (0 votos)