Lembrarán moitos daquela famosa serie de televisión dos anos 80 de inconfundíbel apertura, con palmeiras, flamencos ás carreiras, windsurfeiros, mulleres lixeiras de roupa, e letras en adorno rosado: 'Miami Vice'. O programa que fixo famoso a 'Sonny' Crockett e Ricardo Tubbs, os detectives protagonistas, seguindo a recente e exitosa estratexia de levar á pantalla grande os éxitos televisivos, vén de converterse en longametraxe. Na web oficial poden ver as fotografías do galego Luís Tosar, barbudo, en negro e ensinando os pelos do peito con colar dourado, na súa caracterización do malvado do filme: Arcángel de Jesús Montoya. Á espera de vérmola nas salas galegas, na estrea estadounidense xa se fixo co liderado da recadación.