A consellaría que dirixe Ánxela Bugallo puxo dende o primeiro momento moita vontade e recursos en que este 2006 fose o Ano da Memoria, e en recuperar a dignidade dos represaliados tras o golpe do 36. Esta semana é especialmente intensa en canto a celebracións, coa botadura do Barco da Memoria en homenaxe á represión que sufriron as xentes do mar, e que parará en 18 portos galegos para poñer á disposición do público a exposición Os mártires do mar. Este mesmo martes tamén se representa en Santiago o espectáculo teatral Memoria do 36, e na fin de semana celebrarase a Homenaxe Nacional ás Vítimas da Represión na Illa de San Simón.
Tal como se explica na web da consellaría, e nos paneis desta exposición a beiramar galega sufriu de maneira desmedida as represalias que os franquistas cometeron contra aquelas persoas que, na etapa republicana, pretenderon mudar a ruín condición dos obreiros, dos labregos pobres e dos mariñeiros. Estes contaron durante a IIª República cunha forte organización, a "Federación Regional de Industria Pesquera", integrada na CNT, que reuniu a máis de 17.000 pescadores e pescantinas distribuídos por 46 portos; unha Federación que meteu en vereda a unha Patronal pesqueira e conserveira habituada a impor a súa vontade. Así o conta tamén o profesor Francisco Fernández Rei no seu artigo Travesía pola memoria do mar, publicado a semana pasada en Vieiros.
'Memoria do 36'
Xusto no aniversario do comezo do golpe militar Santiago acolle unha función do espectáculo Memoria do 36, de Teatro do Atlántico. Dirixido por Xulio Lago e interpretado por Pilocha, María Barcala, Xosé Luís Bernal Farruco e o propio Xulio Lago, esta peza transládanos aos tempos da represion a través da música ao vivo e dunha escolma poética con versos de Álvarez Cáccamo, Celso Emilio Ferreiro, Luís Pimentel ou Blanco Amor.
Logo da súa estrea, Memoria do 36 percorrerá diversas vilas e cidades galegas ao tempo que será presentado en varios festivais de teatro grazas ao apoio da Consellaría de Cultura e Deporte.
Homenaxe nacional en San Simón
O 22 de o 23 de xullo celebrarase na Illa de San Simón a Homenaxe Nacional ás Vítimas da Represión que organiza a Consellaría de Cultura e Deporte. Durante esta fin de semana o espazo que foi o máis grande presidio galego converterase en lugar de lembranza e homenaxe a todos e todas os que sofriron persecución, exilio ou morte a partir de 1936. Trátase dunha xornada de portas abertas na que desde as 10.30 horas os barcos sairán do peirao de Cesantes para achegarse á illa. Alí desenvolverase un programa que inclúe visitas guiadas, proxeccións audiovisuais do tema da memoria, apertura da exposición "A Illa da Memoria" e diversas intervencións musicais e escénicas nunha xornada na que a cultura se volcará na homenaxe. Do programa musical detaca a actuación de Paulina Ceremuzynska, que nos achegará á lírica medieval, o contrabaixo de Carlos Méndez, a canción de Uxía ou Mini, Mero e Mariña, a Banda Musical do Concello de Visantoña e o Grupo Tradicional do IGAEM.