A Campaña Roupa Limpa manifestará o próximo martes ante a Xunta de Accionistas de Inditex a súa preocupación ante as últimas supostas violacións dos dereitos laborais en fábricas provedoras de dita empresa. Segundo esta organización, a política laboral da multinacional galega "é insuficiente e vai a remolque dos seus intereses comerciais", sendo máis un correctivo ante os desastres que acontecen nas fábricas onde deslocalizan a produción que unha política con carácter preventivo.
Na vindeira Xunta de Accionistas de Inditex que se celebrará o próximo martes en Arteixo, a CRL denunciará todas as actuacións supostamente ilegais que desenvolve Inditex a través das empresas subcontratadas e pide, ademais o "compromiso serio da inclusión transversal da Responsabilidade Social Corporativa (RSC) en toda a actividade empresarial da empresa galega", sobre todo agora que se incorporou á ETI (Ethical Trading Iniciative)
A Campaña Roupa Limpa (CRL), que lidera estado a Federación SETEM, e da que é membro Amarante, manifestou a súa preocupación ante os últimos sucesos producidos nas fábricas provedoras das multinacionais europeas de roupa, entre as que se atopa Inditex, onde queda en entredito a implementación dos seus códigos de conduta, as súas políticas de responsabilidade social corporativa e a eficacia das auditorías que realizan en toda a súa cadea de produción deslocalizada, segundo afirman desde CRL, aínda que a maioría das empresas clientes de ditas fábricas dispoñen de códigos de conduta que supostamente velan polo respecto dos dereitos máis elementais dos traballadores/as e son membros da iniciativa empresarial BSCI (Business Social Compliance Initiative) á que tamén pertence Inditex.
Segundo os datos dos que dispón a Campaña, dos 10 derradeiros casos de violación dos dereitos laborais investigados e denunciados pola campaña, Inditex estivo involucrado en 4 casos en 3 países diferentes (Bangladesh, Turquía e Camboia). Dous casos están relacionados con fábricas sinistradas onde houbo que lamentar vítimas mortais e centos de feridos, e, os outros dous remiten a denuncias por violación dos dereitos de sindicación e intimidación ós e ás traballadoras.
A CRL valora as actuacións positivas da empresa, pero afirman que "só se deron despois de denuncias ou incidencia de factores externos" como o caso Spectrum e Portugal. Neses casos Inditex está asumindo a súa responsabilidade de indemnizar en parte aos superviventes e aos familiares das vítimas do accidente, ou de comprobar se houbo faltas formais no caso de Portugal. O que esta asociación pon en entredito é "a eficacia das súas auditorías para detectar, previr e remediar violacións dos dereitos laborais nas fábricas dos seus provedores". Estas estratexias chocan, segundo CRL, co Pacto Mundial de Nacións Unidas subscrito por Inditex e contribúen a que se repitan sucesos como os antes mencionados.
As derradeiras investigacións realizadas pola Campaña Roupa Limpa Internacional recollen testemuños de 670 traballadores e traballadoras de 40 fábricas provedoras de multinacionais europeas de roupa en 8 países que afirman que as súas condicións de traballo "non se encontran nos mínimos estándares internacionais" esbozados nos códigos de conduta dos seus compradores, aínda que a maioría pertencen ó BSCI.