Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
CON 35 PELÍCULAS GALEGAS A CONCURSO

Comeza en Compostela o CurtoCircuito máis internacional

Perto de 500 filmes a concurso na terceira edición de CurtoCircuito. Este festival da produción audiovisual acadou un dos seus obxectivos, o de converterse en referente das citas internacionais, xa que un 30 por cento das cintas que van competir na sección oficial son estranxeiras. Coas dúas iniciativas programadas para o verán, Compostela CurtoCircuito e CurtoCircuito na Rúa, a dinamización cultural a través das películas pretende sorprender de novo as noites da cidade. A novidade deste ano é a incorporación da categoría documental.

- 08:54 15/07/2006
Tags:

Compostela CurtoCircuito é o concurso ao que chegaron un total de 475 producións, un 65 por cento máis que o ano pasado, segundo afirmou este venres na presentación da cita o concelleiro de Turismo, Francisco Candela. Os organizadores do evento, Santiago de Compostela Film Comission, Turismo de Santiago-Incolsa e o Concello de Santiago como colaboradores, ademais de Caixa Galicia e a Deputación, amósanse satisfeitos co carácter internacional que adquiriu o festival, xa que a presenza de filmes estranxeiros superou nun 13 por cento a cifra do 2005, quedando así nun 30 por cento do total das películas.

A introdución do documental e do micromovie fixo posíbel que se acadasen as seguintes cotas de participación. Na categoría de curtas, 337 filmes van participar na mostsra, mentras que 52 o farán na de animación, 46 na videocreación, ademais de 40 documentais. Por outra banda, o formato 'micromovies', que conta con 15 propostas na sección "Anacos" aínda non ten pechado o prazo para presentar os traballos, data que se fixou para este sábado. Así as cousas, serán 35 filmes galegosos que provisoriamente se presentan ao concurso, seguidos de 22 alemáns, 15 do Reino Unido, 11 portuguesas e francesas, 14 filipinas e 11 xaponesas, sendo estas dúas últimas as que cheguen por vez primeira ao festival, xunto coa única candidata iraní e as cinco do Líbano.

Curtas na Rúa

A segunda das iniciativas que forma parte do programado para o verán do festival é CurtoCircuito na Rúa, en sintonía coa vocación de compromiso social que lle outorgou Francisco Candela, ademais da vontade de ver o festival como unha canle de expresión adaptada ao presente. Así, desde o día 20 de xullo e até o 28 de setembro, as prazas compostelás van ser escenario de mosaicos audiovisuais formados por escollas de cinema e "as mellores representacións dos dilleis galegos" segundo afirmou o concelleiro de Turismo. O público votará as películas e desde a organización procuraron que estas fosen o máis achegadas á contemporaneidade dentro das gañadoras na pasada edición.

O peche destas sesións de cinema na rúa vaino pór unha retrospectiva sobre o realizador Chano Piñeiro, na que se presentarán obras inéditas súas. No que respecta á presentación do filme gañador de Compostela Plató, outra das modalidades do festival, o guión de "Bichos raros" vai estar feito película para a gala de presentación dos gañadores do concurso que se celebrará do 17 ao 21 de outubro.

Impulso desde a Xunta

O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, tamén acudiu á presentación de CurtoCircuito 06 para anunciar o impulso que o Goberno vai dar ás citas co audiovisual. Deste xeito, nunha semana coñecerase a achega que vai recibir CurtoCircuito xunto cos demais festivais galegos dedicados á promoción de filmes "nun intento de que Compostela se coñeza non só por ser cidade de peregrinacións", senón tamén por representar unha cultura do audiovisual que medar cada ano, dixo.


0/5 (0 votos)