Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PARTICIPACIÓN PÚBLICA NOS PROXECTOS

A Xunta amarra até un 12% dos beneficios dos novos parques eólicos

As propostas presentadas polas empresas promotoras de iniciativas eólicas xa subliñan a súa vontade de cesión dunha cota dos seus beneficios para a administración galega. "Entenderon que xa que Galiza pon o territorio, é lóxico que reciba parte dos beneficios", comentou o conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, que este mércores confirmou que os proxectos que optan ao novo proceso de adxudicación eólico responden ás demandas expresadas desde o goberno galego.

- 07:09 13/07/2006
Tags:

O conselleiro non quixo valorar aínda o que esa participación pública pode significar en volume de ingresos, apuntando que a cota final dependerá de factores tales como a propia dimensión da empresa e a produción dos seus xeneradores eólicos, tamén en canto a horas de vento.

Con todo, o requisito introducido pola consellaría como unha das condicións para as empresas que optan ás concesións, vaille afectar en exclusiva a esas empresas que aspiran a novas licenzas para a explotación dos 750 megavatios que serán concedidos proximamente, quedando fóra as xa concedidas polo executivo anterior. Á beira, a Xunta establecerá fórmulas de participación similares, que garantan beneficios públicos, na concesión de vindeiros dereitos de explotación doutros recursos, tales como as minicentrais ou as instalacións de enerxía solar. O obxectivo é que no futuro, a esixencia da participación pública pase de ser un simple criterio extra para a valoración a unha requerimento indispensábel para presentarse aos concursos.


Ligazóns

0/5 (0 votos)