Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
IMPORTANTE PERDA DE LECTORES DA PRENSA DE PAGO

O Estudo de Medios confirma a consolidación da Radio Galega e o crecemento da prensa gratuíta

Hai apenas dous anos que a Radio Galega tiña unha media de arredor de 128 mil oíntes, o 0.9% da cota estatal de audiencia de emisoras xeneralistas. Segundo o último informe do Estudo Xeral de Medios, EXM, a radio pública galega brinca agora aos 180 mil oíntes. Mentres, dos diarios galegos máis vendidos, La Voz de Galicia e El Progreso gañan seguemento e o gratuíto 20 Minutos suma xa 88 mil lectores, converténdose no cuarto de maior difusión en Galiza, e no máis lido a nivel estatal, rachando a hexemonía do Marca.

- 15:03 12/07/2006
Tags:

La Voz de Galicia continúa a ser o diario máis seguido, pasando dos 595 mil lectores que rexistraba o anterior Estudo Xeral de Medios a 655 mil. Atrás del queda o Faro de Vigo, cunha pequena caída de 315 a 305 mil. En terceira posición aparece El Correo Gallego, que brinca dos 97 aos 104 mil.

Consolídase a Radio Galega
Son un total de 180 mil oíntes de luns a domingo, o segundo mellor resultado da historia da emisora pública, que marcou o que de momento é seu récord na anterior enquisa. Trátase dun crecemento do 9% respecto ao segundo treito de 2005 e do 5.8% sobre o primeiro de 2006. O incremento é especialmente importante de luns a venres, un 14.3% máis, onde se destacou o programa "Un día por diante", dirixido e presentado por Helena Soto todas as mañás. Na fin de semana, "Galicia en goles" é líder de audiencia entre as 21 e 23horas. Os números sitúan á Radio Galega como a segunda máis escoitada en Galiza, atrás da Cadena Ser, e a novena a nivel estatal, co 1.3% da audiencia total, sendo unha das poucas que gaña oíntes, á beira da RAC1 catalá e Punto Radio.

Nova programación
Desde a dirección da emisora subliñan que estes números chegan de xeito paralelo ao "profundocambio de programación no mes de xaneiro, non só nos nomes e nos directores dos programas, senón tamén nos contidos, para lograr ser una radio pública ao servizo de todos os galegos".

Ao tempo, vén de presentarse a programación de verán da cadea, que tén na fin de semana as principais novidades, coa chegada do magazine "Un sitio á sombra", de Isabel Pichel, sábados e domingos entre 18 e 21h; "Ida e Volta", enter 23h e a medianoite, con Ramón Puente, programa dedicado a "ollar as diferentes músicas do mundo"; "Un mundo de palabras", sábados entre 21h30 e 22h, presentado por Edith Pazó, con cabida para "toda a diversidade produtiva en Galicia ao redor da expresión oral como contos, regueifas, recitados..."; "Tres peixes voando", domingos a esa mesma hora e coordinado por Uxía Pedreira, Xabier Díaz e Guillermo Fernández, dedicado "á fecunda relación entre a música e a palabra, na búsqueda das voces dos cantautores europeos e americanos que normalmente non teñen cabida nas grellas das programacións" e "Tres de copas", espazo de humor que se emite entre as 22 e as 23 horas dos domingos, con relatos cómicos de Ernesto Mosquera.

Salto da prensa gratuíta
Soprende especialmente do último Estudo Xeral de Medios o incremento do diario 20 minutos, que sobre aos 2.448.000 lectores, converténdose no máis lido en todo Estado, mención que deica agora viña monopolizando o Marca, que desta vpñta perde un 4% dos seus lectores diarios, e queda en segunda posición con 2.418.000. Do éxito dos gratuítos dan conta tamén as cifras de Qué, 1.9 millóns de lectores, e ADN, cun millón de lectores diarios.

En Galiza, os datos do último informe confirman que 20 minutos estivo preto de duplicar o número de lectores cos que contaba en marzo, pasando de 50 mil daquela a preto de 90 mil na actualidade, distribuídos case a partes iguais entre as súas edicións de Vigo e A Coruña.

Ao fío desta evolución, comenta Arsenio Escolar, director de 20 Minutos, na súa bitácora personal, que a prensa distribuída de balde gaña lectores malia a imposición conseguida polos diarios de pagamento para que se complementasen as tradicionais sondaxes con entrevistas telefónicas: "fanse a teléfonos fixos, polo que é difícil dar coa nosa principal canteira de lectores, a mocidade, que practicamente só usa teléfonos móbiles", apunta Escolar.


0/5 (0 votos)