Dende a Plataforma pola Defensa Medioambiental de Corrubedo, que leva loitando anos contra a especulación industrial e o abandono dun dos lugares máis senlleiros do litoral galego, e diante das novas xurdidas na prensa do día 29 de xuño, segundo as que a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, mantivo unha xuntanza secreta con outros membros do PSOE e co xerente da empresa norueguesa Stolt Sea Farm, para chegar a un acordo sobre a superficie a ocupar no cabo Corrubedo por unha fábrica de peixes manifestamos o seguinte,
Rexeitamos, coma a meirande parte do pobo de Corrubedo e as organizacións ambientalistas galegas, toda agresión contra un cabo que aínda permanece virxe, lonxe das zoupas de mandatarios e industrias de fóra que nos queren tratar coma se foramos unha colonia, emprazándose fisicamente en Corrubedo pero non financeiramente, e facéndonos pagar co custe ambiental.
Que as formas unilaterais da conselleira son propias da política de ras de chan, pois ela non é ninguén para dispor do patrimonio de todos. Repudiamos a dita reunión e emprazamos á Xunta a manifestar claramente cales son as súas intencións para o cabo Corrubedo. Están nelas a expropiación e a privatización do que é de todos e todas?
Que o Lugar de Interese Comunitario proposto para a rede Natura 2000 coñecido como Complexo Húmido de Corrubedo ten más de 9.000 hectáreas, que van dende Sálvora ao castro de Baroña. Curiosamente deixaron desprotexidos no medio uns poucos quilómetros de litoral virxe os do noso cabo para expolialo ao pobo e á natureza. Dito esquecemento foi obra dun ex-conselleiro, López Veiga, o mesmo que no seu día non veu unha marea negra na desfeita do Prestige, e corresponde a un Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria aprobado no derradeiro Consello da Xunta do goberno de Fraga por Decreto, contra a soberanía popular e coa campaña electoral enriba.
Que o goberno de Pérez Touriño se escude agora nesa arbitraria e interesada decisión do fraguismo sorprende e indigna, por canto non estamos dispostos a permitir que se sacrifique Corrubedo para salvar Touriñán e Rinlo. XA ESTÁ BEN DE QUE SEMPRE SEXA CORRUBEDO!!!
A sustentabilidade da que fala Touriño é incompatíbel co cemento no noso cabo, coa pesca artesanal na súa costa e cos dereitos históricos dos veciños e veciñas de Corrubedo sobre unha lingua de terra sempre protexida por eles e por elas. O cabo Corrubedo non está na rede Natura polas escuras decisións dun goberno reaccionario, e non é de recibo que o actual se parapete nesta irresponsabilidade para sacrificalo. CAMBIA O GOBERNO PERO NON A SÚA POLÍTICA DESTRUTORA?
Que o goberno do concello de Ribeira, decidido a actuar xudicialmente contra a decisión cousa que apoiamos, formaba parte no seu día do feixe de irresponsábeis que levaron adiante o plan por decreto, incluído o segundo de a bordo, Manuel Ruíz, destacado parlamentario no dobre xogo de dicir unha cousa aquí e outra alá. Cantos dimitiron por isto? Por que non se emprega a lei de conservación da natureza de Galicia para facer na zona un Espazo de Interese Local?
POLO TANTO, ESIXIMOS
Que se loite para que o cabo Corrubedo forme parte do Complexo Húmido de Corrubedo da REDE NATURA 2000, pois ten condicións ambientais máis que sobradas para elo e a súa ausencia disgrega incomprensibelmente un espazo protexido.
Que coa protección definitiva do cabo A XUNTA EVITE A INSTALACIÓN DA FÁBRICA norueguesa e pense en Corrubedo en clave sustentábel e non industrial.
Por todo isto, anunciamos un decidida campaña en todos os eidos para evitarmos a MORTE DO CABO.
NON QUEREMOS MÁIS AGRESIÓNS CONTRA A NOSA COSTA
NON Á PRIVATIZACIÓN DO PATRIMONIO COMÚN
AS FÁBRICAS AOS POLÍGONOS!!
DEIXADE O CABO CORRUBEDO EN PAZ !!!
OUTRAS INFORMACIÓNS