Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PERTO DE 40 ARTISTAS EN 4 DÍAS

Comeza o Festival de Ortigueira

4 días de música folque e festa desde o 6 de xullo até o domingo 9 son os que abranguerá o Festival do Mundo Celta de Ortigueira do 2006. Dous escenarios e perto de 40 grupos animarán os campistas e asistentes en xeral desta cita coa música folque que xunta artistas de varios puntos do planeta e que se ven celebrando desde o 1978 na vila coruñesa.

- 08:12 06/07/2006
Tags:

Na primeira das xornadas do festival celebrarase un único concerto no escenario Estrella Galicia e comezará ás 10 da noite para que quen decida acampar poida facelo sen perder ningún grupo dos que participen esa noite. Entre estes músicos destacan Gamelas e Anduriñas xunto cos seus invitados desde a Galiza, o Grupo folclórico Lous Thancayres, das Landas, Dominic Graham School of Irish Dance desde Irlanda ademais da Nova Galega de Danza.

Xa no venres, celebrarase o concerto do centenario de Estrella Galicia, Galicia & otras músicas no que participarán recoñecidos artistas do país pasando pola Escola de Gaitas de Ortigueira, o gaiteiro Xosé Manuel Budiño, as pandereteiras Leilía ademais da voz de Uxía. Logo terán tamén a súa quenda os seguintes grupos invitados como son a Nova Galega de Danza, Hip hop Roots, Buika, La Negra, Jerry González, José Reinoso e Niño Josele.

Durante a fin de semana, ademais do escenario de Estrella Galicia estará tamén ao dispor dos asistentes o espazo das Runas, no que se celebrarán os concertos de Som ibérico desde Portugal, os bascos Korrontzi ademais de Nao d'ire e Irtio desde a Galiza. Isto para o sábado, mentres que na xornada do domingo poderase desfrutar do trío formado por Dani Bellón, Diego Maceiras e Álex Blanco, do grupo Linho do cuco e con El espíritu de Lúgubre que chegan desde Castela-León.

Se volvemos ao escenario que amenizou o Festival xa desde o xoves, bandas e grupos internacionais pasarán por chan ortegano, tales coma Bagad Beuzeg desde a Bretaña, Original Kokani Orkestar de Rumanía, Llan de Cubel que proceden de Asturias, así como Solas dos EEUU, Four men and a dog desde Irlanda e Gwendal da Bretaña. Tamén participarán neste macroconcerto os nosos Xochilmica xunto con varios invitados ademais de Session A9 desde Escocia e Berrogüetto.

Os perto de 40 grupos que van participar nesta edición do festival continuarán co que no ano 1978 e por iniciativa de Xabier Garrote, Alvaro F. Polo e Carlos Lorenzo, realizaran na localidade de Ortigueira como un festival de Música Celta de proxección internacional. Desde o 2005 o Festival Internacional do Mundo Celta conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: