Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
EMPREGARÁN TODOS OS RECURSOS PARA BOTAR ABAIXO ESTA "FRAUDE"

'Todos Contra o Canon' vai impugnar a Lei de Propiedade Intelectual

A plataforma Todos Contra o Canon vén de anunciar a súa intención de impugnar, con todos os recursos ao seu alcance, a recén aprobada Lei de Propiedade Intelectual, que impón unha taxa sobre todos os soportes dixitais. Eses recursos para a impugnación pasan por tres vías, que a plataforma pretende esgotar na súa totalidade. En primeiro lugar, a través do Defensor do Pobo, para o que se vai organizar un equipo xurídico con membros de todas as organizacións que compoñen todoscontraelcanon.es. En segundo lugar está a vía popular, pola cal son precisas 500.000 asinaturas que apoien a necesidade de revisar a lei. A última opción sería conseguir o apoio de 50 deputados que respalden a iniciativa, co que sería necesario que o Congreso a tomara en consideración. Semella esta a máis complicada, tendo en conta que na votación da lei non houbo un só voto en contra e só se abstiveron ERC e PNV. O PSOE conseguiu poñer do seu lado ao PP, que votou a favor da le xunto con CiU, IU e CC.

- 09:43 30/06/2006
Tags:

Ademais, coa fin de concienciar á sociedade da inxustiza desta medida, a plataforma Todos Contra o Canon lanza a campaña 'O canon aféctache. A túa asinatura conta'. Paralelamente, tratarán de conseguir apoios cualitativos de persoeiros destacados do mundo da cultura, a política, as artes, os deportes, etc., que apoien ainiciativa, baixo o lema 'NON ao canon con nome propio'.

Desde a plataforma consideran inaceptable a Lei de Propiedade Intelectual, e trátana de "fraude" porque "é unha lei utilizada para subvencionar a entidades privadas", en referencia ás xestoras de dereitos de autor como a SGAE. Non ten en conta os dereitos dos consumidores, que terán que pagar igualmente o canon por mercar calquera sistema de reproducción dixital (non só CDs ou DVDs, senón tamén calquera reproductor de MP3, móbiles, escáneres...), vaian ou non usalo para facer copias privadas, nin pensa demasiado nos autores, xa que son moi poucos os que realmente acaban cobrando a parte que lles corresponde polos seus dereitos de autor, polo que a plataforma considera a lei refírese, máis ben, aos dereitos "dos intermediarios dos dereitos de autor". Por outra banda, non ten en conta os novos modelos de licenza como o copyleft, polo que consideran esta unha lei obsoleta desde o seu nacemento.

  • "Todos contra o canon": internet coma oportunidade e non como ameaza
  • Manifesto contra o canon dos CDs


  • 0/5 (0 votos)