Un total de 12 traballos audiovisuais feitos por galegos e galegas foron galardoados hoxe no certame Curtas na Rede que promove a Consellería de Presidencia. En menos de cinco minutos contan realidades e desexos do cotiá, mais tamén do outro lado, do da ficción. As curtas presentáronse en tres categorías, comunicación, mocidade e promoción da lingua galega e os resultados da pesquisa e da realización poden verse na web do concurso.
Nesta edición do certame houbo 45 películas que xulgar. Sobre todo falan do desacougo de termos que nos relacionar e do desacougo mesmo. A trascendencia que quixeron expresar estes galegos e galegas mistúrase e exprésase através da fritura dun ovo, da presentación dun currículo ou dos usos e necesidades do idioma. Títulos como soñar sen tempo, en tánsito, olas son alas, tebras...Tratan do limitado do universo humano através dos novos formatos dixitais de rexistro e de edición. Algúns dos 12 filmes premiados foron Lembranzas dixitais, de Marcos Atán, Curriculum Vitae, de Fernando Pazos, e E sacaranche os ollos, de Irene Crespo. Na categoría de comunicación resultaron premiadas as curtas Iogures comunicantes, de Olaia Sendón; Bubble boy, de Sara Prieto, e De palabras e xestos, de Pablo Penedo. A gala de entrega celebrouse este martes no teatro Prinicipal compostelán e contou coa presenza da conselleira de Cultura,Ánxela Bugallo, que foi a encargada de outorgar os galardóns.
No que respecta ao apartado de promoción da lingua galega levaron o premio O legado de Alfonso X, de Pablo Penedo, e De aldeanos, de Eduardo Pérez e recoñecemento á creatividade e á orixinalidade recibiuno a curtametraxe O Conxuro, de Pablo Millán. Por último, o premio ao filme máis votado através de internet recaeu na película ¿Lémbraste cando?, de Miguel Puig.
1500 euros levou cada galardoado polo seu traballo escollido polo xurado. Houbo calidade e, sobre todo, vontade de expresar. O escaso do tempo permitido para a materialización de cada obra elevou á condensación das ideas que cadaquén quería manifestar e a maioría das curtas son densas e fondas. Ademais, a idea do "ser" galego é o pouso destes traballos, feitos no noso idioma e desde unha perspectiva comunicativa que pretende rabuñar no pensamento de quen mira para que aflore ese xeito de ser noso.