Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CARA AO CAMBIO DE PLANIFICACIÓN

A Xunta freará a fuxida de beneficios do sector enerxético

O 40% do total da enerxía producida en Galiza marcha para fóra, e comunidades como Madrid, que só producen o 5% da enerxía que consomen, vense beneficiadas cos ingresos pola enerxía que se xera noutros lugares. Explicouno así este martes o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, durante o encontro "Sector enerxético: reflexións e perspectivas". No mesmo evento, o secretario xeral de Relacións Institucionais, Antón Losada, asegurou que a disputa co ministerio de Industria pola incremento da potencia eólica total permitida, se resolverá en favor de Galiza.

- 07:01 14/06/2006
Tags:

"Todo isto ten que ver coa planificación enerxética", explicou Fernando Blanco, ao tempo que reivindicaba que as empresas que chegan a Galiza deben deixar de ver o noso país como un lugar "onde viñan explotar recursos para logo marchar con todo". Blanco subliñou que "é razoábel que unha parte importante deses beneficios queden en Galiza".

Blanco relatou que as modificacións estratéxicas comezan polo ámbito onde a Xunta dispón de competencias, e destacou a prudencia das actuacións despregadas, poñendo o exemplo do sector eólico e o recente plan para asegurar a participación pública nos beneficios da produción. Ao tempo, comentou positivamente o intercambio de pareceres coa comisaria europea de Política Rexional, Danuta Hübner, que volveu a Bruxelas especialmente satisfeita polo borrador estratéxico presentado polo bipartito para a duplicación dos investimentos en I+D+i.

Agoiran o acordo eólico
"A razón está do noso lado, a intelixencia está do noso lado, a xustiza está do noso lado e, ademais, nolo deben". Así se pronunciou no mesmo foro o secretario xeral de Relacións Institucionais, Antón Losada, quen asegurou que a rifa pola petición que a Xunta fai de 6.500 megavatios de potencia eólica total para Galiza até o 2012 se resolverá en favor do goberno galego.

Losada dixo estar seguro de que "Madrid non pode rexeitar a nova oferta realizada pola consellaría de Innovación" e opinou que na actualidade, o sector enerxético galego está "nun momento clave para este sector no Estado e en Galiza". Segundo explicou, "a política enerxética que ten posta en marcha a consellaría de Innovación por vez primeira consegue que a Xunta sitúe o sector enerxético coma unha das súas prioridades". Losada reflexionou que "agora estase facendo unha política de país en materia de enerxía" e subliñou que se está "apostando polos empresarios, pola innovación galega e polos proxectos galegos". Na súa opinión, isto fará que Galiza "deixe a posición de espectadora e teña voz propia neste campo".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: