Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANTEPROXECTO DA LEI DE INSERCIÓN LABORAL DE MULLERES

Fixan por lei que haxa un mínimo do 40% de conselleiras

"É unha lei pioneira no Estado que converte a Galiza na primeira comunidade que trata de xeito específico o principio de igualdade no ámbito do emprego e das relacións laborais". Con esa convicción presentáballe este luns o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, ás asociacións de mulleres, unha reforma lexislativa que establecerá "instrumentos capaces de garantir o acceso das mulleres ao emprego remunerado en clave de igualdade". Ao fío, a Xunta fíxase unha meta concreta: "reducir dende aquí e ata o 2009 en dez puntos a taxa de desemprego feminino".

- 07:00 13/06/2006
Tags:

"O obxectivo político desta lei é establecer mecanismos e ferramentas que posibiliten que a igualdade entre varóns e mulleres no mercado de traballo sexa unha realidade no menor tempo posíbel", explicou Ricardo Varela. Na presentación participou tamén a secretaria xeral ed Igualdade, Carme Adán, quen valorou o anteproxecto como "un bo exemplo da visión transversal das políticas de Igualdade que impulsa a Vicepresidencia da Xunta". Adán subliñou a súa satisfacción polo labor feito en común coa consellaría de Traballo, concretado nesta norma, e asegurou que será un paso adiante no camiño para que todos os departamentos da Xunta se impliquen no deseño de políticas de Igualdade dentro dos ámbitos das súas competencias.

O conselleiro destacou a vontade de "introducir no máis fondo do pensamento político a consciencia da realidade que nos rodea, consistente en dotarnos doutra mirada máis sutil e máis correcta" e insistiu en que o anteproxecto non deixa fóra ningún aspecto que poida ser regulamentado polo Parlamento, introducindo unha viraxe coa creación de órganos e canais de participación das mulleres que promovan a mellora das condicións laborais. Ao tempo, as modificacións lexislativas aféctanlle á lei de Función Pública, a lei de Igualdade e a lei Reguladora de Cooperativas. Varela agoirou unanimidade no Parlamento en favor deste documento.

O detalle da reforma inclúe medidas tales como a definición de plans de igualdade nas empresas, o privilexio nas adxudicacións ás empresas que desenvolvan os seus propios plans de igualdade de xénero; a discriminación positiva ás mulleres nos procesos das axencias de emprego; o establecemento de bases de datos locais, Bancos Municipais de Tempo, cos requerimentos de axuda das mulleres que compatibilizan tarefas no fogar con xornadas laborais fóra da casa e a promoción ao fío de servizos de voluntariado; ou a creación de novos instrumentos a prol do principio de igualdade, tales como a Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e a Marca Galega de Excelencia en Igualdade, para que as empresas acrediten os niveis de igualdade na súa organización: da concesión da marca derivaranse dereitos e facultades tales como a preferencia na adxudicación de contratos do goberno galego.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: