O festival Mundos Dixitais reunirá na súa quinta edición aos profesionais máis destacado do mundo da animación dixital, os efectos especias de cine e os videoxogos. Así, do 1 ó 8 de xullo responsábeis de filmes como ‘A noiva cadáver’, ‘Charlie e a fábrica de chocolate’, ‘V de vendetta’ ou ‘Cars’ de Pixar, amosarán na Coruña os segredos da creación do seus traballos. A directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Portos, asegurou que a entidade está a negociar a presenza do prestixioso director norteamericano Tim Burton.
Catro grandes áreas conformarán Mundos Dixitais: conferencias e obradoiros, unha zona de xogos aberta ao público, a xornada Galicia Dixital e o Festival Internacional de Animación.
A presenza de profesionais responsábeis das creacións cinematográficas máis creativas do último ano é, sen dúbida, o gran atractivo do festival. Así, á cita coruñesa asistirán membros do equipo técnico de películas como ‘A noiva cadáver’, ‘Batman begins’, ‘Charlie e a fábrica de chocolate’, ‘V de vendetta’, ‘Cars’ de Pixar, ademáis de profesionais galegos responsábeis de ‘O rato Pérez’ de Bren Entertainment e ‘Holly Night’, de Dygra Films.
Na rolda de prensa de presentación do festival, Teresa Portos, directora da Fundación Caixa Galicia, asegurou que a entidade está a negociar a presenza de Tim Burton en Mundos Dixitais. Burton é director de filmes tan coñecidos como ‘Pesadelo antes do Nadal’ ou ‘Eduardo mans de tesoira".
A sección de conferencias e obradoiros contará este ano con profesionais da creación de videoxogos, representantes de empresas de efectos visuais para anuncios e técnicos na formación nesta disciplina. Mundos Dixitais, contará así coa presenza de Marie-Anne Fontenier, directora de Supinfocom, a empresa referencia en Europa, que participará nunha mesa redonda.
Máis de 170 traballos de 24 países diferentes presentáronse ao Festival Internacional de Cortos integrado en Mundos Dixitais. O ano pasado, Chris Landreth recibiu o Premio Especial do Xurado polo seu corto Ryan, traballo polo que posteriormente tamén obtivo un Oscar.