Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A XUNTA CONTA CON ACADAR EN 2012 UNHA POTENCIA INSTALADA DE 6500 M

O novo modelo de xestión eólica garántelle aos concellos unha parte dos beneficios públicos

Unha empresa pública vencellada ao Instituto Enerxético de Galiza, Inega, xestionará a participación da Xunta nos novos parques eólicos que se creen. Dos beneficios xerados por esa cota pública, que se aproximará en cada caso ao 30%, unha porcentaxe do 10% servirá directamente para a compensación aos concellos onde estean as instalacións e outro 5% a actuacións socio-culturais e ambientais concretas acordadas con esas administracións locais. Así o explicou este martes no Parlamento o conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, subliñando que o novo modelo eólico quérese basear nos principios de "transparencia e non especulación", e será guiado por criterios obxectivos de avaliación.

- 07:03 07/06/2006
Tags:

O conselleiro relatou que os beneficios ingresados pola nova empresa pública para a participación eólica vanse destinar tanto a reinvestimentos das reservas para a modernización tecnolóxica como a dividendos. Nese sentido establécese que deses ingresos o 10% lle compense aos concellos onde estean os parques eólicos e que arredor do 5% dos beneficios vaia cara a convenios de colaboración en "actuacións de promoción do uso racional da enerxía, financiamento de proxectos ambientais, sociais e culturais".

Blanco explicou que a nova normativa que suprimirá as figuras do Plan Eólico Empresarial e do Parque Eólico Singular, vai regular de forma "máis exhaustiva e regrada" o procedemento de autorizacións, "curtando de raíz o tráfico de megawatios eólicos". De xeito concreto establécese a revogación das autorizacións cando non se cumpran os prazos fixados e defínense as fórmulas de participación do sector público na titularidade dos parques.

Deste xeito, serán criterios: a viabilidade técnica, a rendibilidade económica, a existencia dun proxecto industrial, a participación pública, a vinculación con outros proxectos enerxéticos e a consideración de proxectos sociais. Segundo Fernando Blanco, este modelo será garante "para asegurar que a explotación da enerxía en Galiza se desenvolva económica, industrial e socialmente en beneficio do país".

Por outro lado, o conselleiro de Industria e Innovación dixo estar seguro de que en 2012 Galiza vai chegar aos 6.500 MW de potencia total, dos que uns 5.400 MW estarán operativos ou instalados, cualificando ao fío de "imprecisas" as motivacións ténicas argumentadas polo ministerio de Industria para rebaixar esa aspiración aos 3.800 MW en 2010.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: