Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
LINGUAS EUROPEAS

Andorra tentará hoxe levar o catalán á final de Eurovisión

É a terceira participación de Andorra en Eurovisión, e a terceira en que unha lingua minorizada do estado chega a desputar o máis importante dos festivais da canción. O reto para Jennifer con 'Sense tu' (Sen ti) será coarse na final do sábado. Nas 51 edicións de Eurovisión nunca ninguén cantou en galego... a pesar de que non hai ningunha regra que o impida.

- 14:32 18/05/2006
Tags:

Andorra prepárase para a súa terceira participación no Festival de Eurovisión. Jenny é unha cantante asturiana que vive en Andorra e que aprendeu o catalán hai cousa de cinco meses. Jenny estará no escenario de Atenas a partir das 21:00 hg para desputar as semifinais.

Nunca o estado español enviou ningunha canción en idiomas que non fosen o castelán, se ben ás veces incorporaron os representantes de RTVE refráns ou cobras enteiras en inglés. De feito, un dos principais rebumbios da participación española foi a negativa da dirección da RTVE de 1968 de enviar a Serrat cantando o La, la, la en catalán. Foi Massiel, cantouno en castelán, e levou o trofeo. Pero dende a morte de Franco van aló máis de trinta participacións eurovisivas e o catalán, o vasco e o galego aínda non se empregaron para representar o estado.

De feito, lembremos que a única participación galega nestas 51 edicións foi a de Verónica Codesal, representando a Bélxica, como vocalista do grupo de Urban Trad. Os belgas, que normalmente alternan os temas interpretados en flamengo e en francés, mandaron a Urban Trad cantando nun idioma inventado. Iso será o que faga tamén nesta edición o grupo neerlandés Treble.

Outras televisións estatais si que enviaron linguas e dialectos distintos do oficial en todo o territorio, e en moitos casos, mesmo linguas que non gozan de recoñecemento oficial ningún. Esta é unha lista desas participacións.

  • 1971. Austria envía a Marianne Mendt, que cantou en bávaro do Danubio, o alemán falado no norte de Austria.
  • 1972. A irlandesa Sandie Jones cantou en gaélico.
  • 1989. Suíza manda a Furbaz, un grupo de piano e voces masculinas que cantan en rético, a cuarta das linguas nacionais suízas.
  • 1991. Italia, nun festival que organiza en Roma, pon a cantar a Peppino di Capri, que o fai en napolitano.
  • 1992. Francia mandaa Kali, un representante rastafari que canta en creoulo da Martinica.
  • 1993. Francia envía a Patrick Fiori, que canta en corso o tema 'Mamma Corsica'.
  • 1996. Austria envía o suízo George Nussbaumer, que canta en alto alemánico e Francia leva o guitarrista bretón Dan Ar Braz, que canta en bretón.
  • 1999. A cantante lituana Aisté faino en samoxicio, unha lingua báltica falada en Lituania.
  • 2003. Austria envía un peculiar cantante, Alf Poier, que interpreta unha peza en bávaro meridional.
  • 2004. Estonia envía a Fomins & Kleins, que cantan en voro, un dialecto do estonio falado na vila de Võru.


0/5 (0 votos)