Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DENDE BETHLEHEM

Al-Nakba (A catástrofe)

Despois de varios plans de partición e propostas para transferir a poboación árabe palestina, o 29 de novembro de 1947, a asemblea xeral das Nacións Unidas aprobaba un plan de separación. Así, aínda que os xudeus non posuían máis que un 6’5% das terras, as xentes do futuro estado de Israel recibían o 56’5% do territorio. Ao ano seguinte, pouco despois do cese do mandato británico e a saída das súas tropas, unha dura ofensiva da paso á guerra de independencia, que deixou a preto de un millón de palestinos como refuxiados. Ese ano, 1948, foi o ano da catástrofe (Al-Nakba), o ano da destrución da terra e o ano do exilio. Unha crónica de Moncho Iglesias Míguez.

- 08:06 16/05/2006
Tags:

Nakba é a palabra empregada polos palestinos para definir a limpeza racial que sufriu o seu pobo durante as últimas décadas. Este termo, xunto con outros como al-jeish (o exército) ou al-mana ‘tajawoul (toque de queda) entraron no dialecto árabe de Palestina á vez que no hebreo comezaba a usarse a expresión yom a-atzmaut (día da independencia). A unión dunha cultura, marcada pola súa relixión, contrastaba coa aniquilación doutra, que se viu obrigada a espallarse polo mundo, ou a concentrarse nun pequeno mundo de seu.

Acadada a independencia dun dos irmáns da estirpe de David e Goliat; unha independencia que portaba como emblema "unha terra sen nación para unha nación sen terra", os refuxiados palestinos amoreáronse, maioritariamente, nos países veciños. O 15 de maio, conmemorando esa saída forzada de moitos palestinos, celébranse en distintos lugares de Palestina e da diáspora marchas nas que se xustifica a súa loita e o seu desexo de regresar ao que un día foi o seu lar.

Mentres Israel celebraba a semana pasada o yom a-atzmaut, que varía por mor do calendario lunar, houbo sectores da sociedade israelí que decidiron unirse aos seus veciños árabes en protestas contra a carente independencia do pobo palestino. Así, varios activistas foron feridos o pasado venres nas famosas manifestacións que teñen lugar cada venres en Bil’in, unha aldea ao norte de Ramallah. Ao día seguinte, soldados israelís disparaban gases lacrimóxenos e pelotas de goma contra manifestantes de ambos lados que se uniran nunha fronte común, ao norte de Xerusalén, para conmemorar o 58 aniversario da "catástrofe". E é que cada vez son máis os sectores da sociedade israelí, entre eles distintos historiadores, que recoñecen a inxustiza cometida con moitas das familias que hoxe sofren as consecuencias da declaración que outorgaba o recoñecemento ao estado de Israel.

Ao longo do luns se produciron as maiores manifestacións tanto en Gaza coma en Cisxordania. Unha serea, que soou en varias cidades, seguida dun minuto de silencio e grupos unidos por unha idea común, foi unha das rúbricas deste día. Con todo, nalgúns destes casos as protestas e lembranzas da Nakba confundíronse cos enfrontamentos entre os diferentes grupos políticos, e mesmo coas mostras de dor, frustración, impotencia e promesas de vinganza tras os últimos asasinatos levados a cabo polo exército israelí.

As maiores concentracións tiveron lugar en Ramallah e Gaza, onde os discursos variaron e un dos poucos trazos comúns foron as xentes portando enormes chaves. Unhas chaves que no campo de refuxiados de Deheishe, un dos máis grandes de Cisxordania, ás aforas de Belén, adornan as paredes exteriores das casas, que se axustan unhas a outras con espazo para pouco máis. Estas ferramentas representan a liberdade e o utensilio que pode servir para abrir eses ferrollos metafóricos e reais que un día foron cadeados. Xunto a esas imaxes estivo a de Mahmoud Abbas -, que, sen facer referencia a ningún grupo, e nun discurso pregravado, afirmaba que o pobo palestino non debía sentirse satisfeito con discursos que provocaban o illamento internacional. Á vez que a xente de Ramallah se unía para escoitar ao presidente, en Gaza facían o propio elixindo as palabras do primeiro ministro, Haniyeh, que se mantiña firme na súa postura de non ceder ás demandas israelís. Namentres, pola noite, morría un integrante da Yihad islámica e outros tres resultaban feridos na franxa de Gaza, sospeitosos de intentar lanzar foguetes Kassan contra Israel.

En Belén, coma noutras localidades, o día pasou desapercibido e só logrou concentrar ás familias nas casas para ver as imaxes doutros lugares na televisión, ou as palabras de Abbas. E é que a cidade de Belén durme cando anoitece. Tras a última ocupación da cidade, no 2002, as xentes aínda teñen medo de saír ás rúas de noite e toparse nelas tanques ou metralletas que provoquen maiores separacións familiares. Emporiso, as entradas na procura de sospeitosos seguen a ser habituais e a semana pasada, dos preto de vinte palestinos detidos, seis eran de Belén.

Refuxiados ou obrigados a vivir na veciñanza, uns 700.000 palestinos viven fóra da súa terra. Esa minoría que vive no lugar onde estaban tras a creación do estado de Israel é recoñecida como árabe-israelí, mentres preto de 100.000, que viven dentro dos territorios ocupados, fano como apátridas, non recoñecidos por ninguén. A ONU estima que son máis de seis millóns os refuxiados palestinos que viven no mundo, aínda que só unha minoría quere volver a esas terras que unha vez deixaron os seus devanceiros. Son eses os que aínda soñan co retorno ou con quedar, pero cun nome e un número de identificación que lles permita a liberdade de movemento.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: