Integrados no proxecto europeo bautizado e-Hospital, o Centro de Supercomputación de Galiza e a Universidade de Santiago de Compostela desenvolverán, en colaboración coa Fundación Juan Canalejo da Coruña, unha plataforma de ensino en liña da que poderán beneficiarse os pacientes dos centros hospitalarios galegos.
"Os pacientes dos hospitais a miúdo ven restrinxida a súa mobilidade e por iso poden beneficiarse especialmente das posibilidade dunha aprendizaxe independente aos espazos convencionais de ensino cara a cara", recolle o proxecto e-Hospital, "A interacción social e o aprendizaxe compartido son posíbeis coa axuda de ferramentas virtuais".
Diversos centros de investigación europeos desenvolverán iniciativas vencelladas a este proxecto, no que colaboran Alemaña, Austria, Polonia e Francia. A nivel estatal a representación correspóndelle a Galiza, e deica setembro de 2008 vaise concretar en experiencias concretas como a proxectada por Cesga e USC, que posteriormente vanse avaliar conxuntamente para en función dos resultados elaborar recomendacións e guías para a súa expansión a nivel da Unión Europea.
Representantes do proxecto comunitario asistirán esta fin de semana a un encontro en Santiago de Compostela, onde analizarán os resultados do traballo xa realizado ao longo dos sete meses de desenvolvemento da iniativa e as posíbeis accións futuras. No acto de sinatura do convenio que une a Galiza co e-Hospital intervirán o presidente do CESGA e director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato; o xefe da Unidade de
Lesionados Medulares do Hospital Juan Canalejo, o doutor Rodríguez Sotillos; a vicerreitora de
Estudantes e Relacións Institucionais en funcións da USC, Elena Vázquez Cendón; o director
xerente do CESGA, Javier García Tobío; e a profesora do Departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC, Carmen Fernández Morante.