Xa son máis de 50 os participantes que se inscribiron no concurso "Curtas na Rede" desde que este botara a andar hai un mes e medio. Este concurso de curtas, organizado pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e o Consello da Xuventude, nace coa intención de servir de escaparate da creación audiovisual galega e promocionar o uso de internet como espazo para a creación e para a comunicación.
O concurso, no que poden participar todas aquelas persoas interesadas no mundo da creación audiovisual e multimedia, consiste na realización dunha curtametraxe de xénero e técnica libre sobre xuventude, comunicación ou lingua galega cunha duración máxima de cinco minutos.
Os interesados en participar aínda están a tempo de inscribirse na web www.curtasnarede.es xa que o prazo remata o 15 de maio. É nesta web onde xa se pode gozar de dúas das curtas presentadas ata o momento: "De aldeanos (de aldeáns)" de Edu P. Lavandeira e "o Reloxo" de Alfonso Blanco.