"Galiza non pode seguir soportando a perda nas estradas de douscentos mozos cada ano", afirmou o Vicepresidente da Xunta esta fin de semana. Anxo Quintana subliñaba así a intención do goberno galego de que na xuntanza deste luns previa ao plenario da comisión mixta de transferencias "o tráfico pase a ser prioridade número un nese proceso". Quintana lembra que desde a propia Dirección Xeral de Tráfico atribúenlle esta alta sinistradidade "á singularidade do tráfico en Galiza". En aval da petición recordan tamén que Euscadi e Cataluña xa teñen transferidas esas competencias.
Na xuntanza que este luns terán o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o ministro de Administracións Públicas, Jordi Sevilla, será tema destacado "a gravidade da crise provocada polo aumento de accidentes de tráfico con vítimas mortais en Galiza especialmente entre a xente nova".
Cara a esa reunión, o propio Quintana destacaba este domingo os datos que viña de ofrecer a DXT, cun balanzo no que vai de ano onde as vítimas mortais por accidente de tráfico menores de 30 anos, duplican en Galiza a media estatal. Desde a DXT recoñecen ao respecto que factores propios de Galiza coma "a dispersión da poboación, a climatoloxía, a orografía e o estado das estradas" contribúen a esa situación. Na opinión de Quintana, son argumentos abondo para que o goberno galego asuma directamente a xestión das competencias relacionadas.
"A transferencia do tráfico non está en discusión, porque é necesaria para Galiza, e agora o que hai que negociar son os medios materiais e humanos para que Galiza poida ter a súa propia política de tráfico e seguridade vial", indicou o vicepresidente galego. Quintana subliñaba así que este asunto pasa a ser prioridade "número un" do proceso de transferencias e pon prazo para a negociación: antes do verán debera haber un acordo.