A Ciberirmandade traballa fundamentalmente no envío de correos electrónicos ás webs de institucións, empresas e particulares pedíndolles o emprego da lingua galega. Avísannos agora da publicación dun pequeno escrito que os internautas galegos poden pegar nos seus sitios web para o destaque dos obxetivos prioritarios que nese momento teña o colectivo. "Temos claro que un dos alicerces da normalización da lingua galega está en que as actividades empresariais e profesionais sexan no noso idioma, e que isto soamente se vai conseguir se logramos crear unha conciencia colectiva de que a lingua é un valor engadido", defenden. Nesa tarefa a rede amosou xa que pode ser unha extraordinaria ferramenta de presión.